Educación pon en marcha a segunda Semana STEM coa participación de 450 alumnos de 23 centros de toda Galicia

Mozos e mozas de quinto e sexto de primaria e de 1º e 2º de ESO ampliarán os seus coñecementos científico-tecnolóxicos a través de estadías en réxime de internado durante este outubro, novembro e decembro
Esta acción enmárcase na Estratexia galega para a educación dixital 2020, que busca incrementar as vocacións científicas e tecnolóxicas
Sáb, 06/10/2018 - 12:00

Un total de 450 alumnos de 23 centros públicos de toda Galicia participarán durante este outono na segunda Semana STEM, un campamento de innovación educativa na que os rapaces de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º de ESO ampliarán os seus coñecementos científico-tecnolóxicos a través de estadías en réxime de internado.

Esta iniciativa, enmarcada dentro da Estratexia galega para a educación dixital (Edudixital 2020), arrancou de xeito pioneiro por primeira vez o curso pasado (daquela con 300 alumnos e 15 centros) co obxectivo de fomentar o espírito científico e tecnolóxico entre o alumnado galego.

As estadías realízanse en períodos semanais dende domingo pola tarde ata o sábado seguinte; e a primeira delas arranca o próximo domingo día 14 con 50 rapaces de tres colexios.

Do total de centros seleccionados (que poden consultarse no portal educativo http://www.edu.xunta.gal/portal/node/25235), 11 corresponden á provincia da Coruña, 3 á de Lugo, 2 á de Ourense e 7 á de Pontevedra. No caso da Coruña trátase dos CEIP Plurilingüe San Marcos (Abegondo), CEIP de Prácticas López Ferreiro (Santiago), CPI Plurilingüe Virxe da Cela (Monfero), CPI San Sadurniño (San Sadurniño), CPI As Revoltas (Cabana de Bergantiños), IES Eduardo Pondal (Ponteceso), CPI de Atios (Valdoviño), IES Urbano Lugrís (Malpica), IES Campo de San Alberto (Noia), IES de Brión (Brión) e IES Plurilingüe A Cachada (Boiro).

Na provincia de Lugo foron seleccionados o CEIP Plurilingüe Santa Rita (Viveiro), o CEIP de Cervo (Cervo) e o CPI de Castroverde. En Ourense participará nestas estadías o alumnado do CEIP Ramón Otero Pedrayo (O Barco de Valdeorras) e o CEIP Plurilingüe Ben-Cho-Shey (Pereiro de Aguiar).

En Pontevedra resultaron seleccionados o CEIP A Carballeira (Pontevedra), CEIP Plurilingüe número 1 de Tui (Tui), CEP Carlos Casares (Salvaterra do Miño), CEIP Plurilingüe de Carballedo (Cerdedo-Cotobade), CEIP de Rubiáns (Vilagarcía de Arousa), CEIP da Sobrada (Tomiño) e o IES Laxeiro (Lalín).

Actividades con enfoque lúdico, colaborativo e motivador

A Semana STEM axudará a reforzar os coñecementos científico-tecnolóxicos no eido educativo, necesarios para dar resposta aos desafíos profesionais do futuro. Deste xeito, as estadías proporcionarán ao alumnado galego un escenario propicio para desenvolver capacidades, coñecementos e técnicas, a través dunha invitación ao descubrimento, que aumenten o seu interese por saber, cada vez máis, sobre diversos campos da ciencia e as súas posibilidades de aplicación na tecnoloxía. 

As actividades non só serán académicas, senón tamén de carácter lúdico-recreativo, que servirán de reforzo ao programa ordinario do currículo do alumnado nas aulas. Os contidos dos cursos inclúen un programa de actividades académicas, de obradoiros, de tempo libre e deportivas. En calquera caso, a finalidade do programa é promover a convivencia entre o alumnado, o traballo en equipo, o aprender facendo mediante un enfoque “maker”, a creatividade e a motivación para mellorar a súas competencias STEM.