O conselleiro de Educación asiste á Gala do Deporte da Universidade de Vigo

Xesús Vázquez Abad fixo entrega da Mención Especial á Excelencia Deportiva ao atleta veterano Manuel Rosales

Xov, 19/05/2011 - 20:13

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asistiu hoxe á vixésima edición da Gala do Deporte da Universidade de Vigo, un acto de recoñecemento aos logros deportivos e ao esforzo dos mellores deportistas da UVigo. A entrega dos galardóns celebrouse so salón de actos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do Campus de Pontevedra, e contou coa presenza do reitor da UVigo, Salustiano Mato, e de numerosas autoridades do ámbito universitario e representantes do mundo deportivo.

Deste xeito o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia quixo amosar o compromiso da Consellería coa formación a todos os niveis dos estudantes galegos, que completan a súa preparación académica con actividades deportivas que contribúen ao desenvolvemento as súas aptitudes e á aprendizaxe de novos valores.

O conselleiro de Educación fixo entrega da Mención Especia á Excelencia Deportiva ao padriño do acto, o atleta veterano Manuel Rosales Touza, de quen Vázquez Abad destacou “a súa impecable traxectoria”, e lembrou que “os seus éxitos deportivos son o espello perfecto da importancia do deporte na vida universitaria”.

O conselleiro recordou ademais aos premiados que “o esforzo é o camiño para conseguir resultados nos estudos, no deporte e, á fin, na vida”, destacando que “é no deporte onde de forma máis evidente o traballo diario e os sacrificios, tanto persoais como de equipo, se ven traducidos en éxitos”.

Recoñecementos

Con estes premios recoñécese o traballo dos deportistas estudantes da UVigo que tiveran conseguido algunha medalla nos campionatos de España universitarios- de forma individual ou en grupo- en disciplinas como  fútbol sala, baloncesto, balonmán, loita, carreira campo a través, atletismo, judo, taekwondo, ou natación. Ademais premiouse o labor desenvolvido polos equipos federados que competiron pola universidade na tempada 2010/2011. Así, na categoría de grupos recoñeceuse o traballo do Vigo Rugby Club e do Baloncesto Masculino Campus de Ourense; mentres que a título individual premiouse ao xogador de rugby Carlos Blanco, ao responsable da sección de xadrez, Pablo García, e á tenista Julia Carballal.

Na modalidade de Premios Especiais a UVigo recoñeceu a colaboración desinteresada e a constancia no fomento do deporte de Elena Fernández Rodríguez, Miguel Martín Vizán, María José Martínez Patiño e Javier Rodríguez López. Ademais entregáronse os premios aos participantes nas catro modalidades - fútbol sala masculino e feminino, fútbol 7 masculino e baloncesto feminino- da Copa Fair Play, celebrada esta mesma mañá. na que os mellores equipos de cada un dos campus da Universidade se enfrontaron nun torneo triangular, no que ademais do triunfo deportivo, se premia o xogo limpo.

A gala pechouse coa entrega dos Premios á Excelencia Deportiva, para os que o xurado ten en conta tanto o expediente deportivo como académico dos seleccionados