Fin de festa do programa Bocaberta con múltiples actividades de dinamización lingüística para a mocidade

A iniciativa da Secretaría Xeral de Política Lingüística remata na semana das Letras Galegas o seu percorrido por todos os concellos de Galicia, aos que levou máis de 700 accións de fomento do galego desde o pasado mes de outubro

Os grupos The Homens e Projecto Mourente e os debuxantes Fran Bueno e Anxo Fariña desenvolven algunhas das propostas de lecer para os máis novos na última semana do programa

Lun, 16/05/2011 - 12:01
Fin de festa do programa Bocaberta
Fin de festa do programa Bocaberta

O programa Bocaberta 2010-2011 da Secretaría Xeral de Política Lingüística celebra nesta semana das Letras Galegas os seus últimos días de actividades dirixidas a promover o uso do galego entre os rapaces e rapazas de 3 a 18 anos. Propostas musicais para adolescentes (Detrás da canción), de banda deseñada (Galimatías e Ti creas a historia) e de monicreques para os máis pequenos (Vive os contos) servirán para pechar a axenda dunha edición conformada por 747 accións de dinamización lingüística para todos os concellos de Galicia.

As propostas desta recta final de Bocaberta comezan con música. Son os rapaces e rapazas de 12 aos 18 anos os destinatarios da actividade Detrás da canción, na que o grupo Projecto Mourente se encarga de mostrar como se compón e se grava unha canción pop en galego con materiais electrónicos caseiros. A segunda parte desta actividade queda na man do grupo The Homens, cun concerto acústico co mellor do pop en galego. Detrás da canción pecha esta tarde na Estrada a súa andaina por medio cento de concellos de toda Galicia.

Ademais da música, Bocaberta inclúe na semana das Letras Galegas unha programación con monicreques, da man de Cachirulo Teatro. Esta compañía porá en escena o espectáculo Vive os contos, destinado a un público de 8 a 9 anos. A actividade, consistente nunha función infantil na que un rei se debe enfrontar a unha nova visión do papel das mulleres, visitará mañá a Casa da Cultura do Grove.

Finalmente, as actividades de banda deseñada en galego daranlle o toque máis artístico á  fin de festa de Bocaberta. O obradoiro Ti creas a historia, dirixido polo prestixioso debuxante Anxo Fariña, amosaralles, o mércores, aos mozos e mozas de 12 anos de Mos como se crea unha historieta, desde a idea inicial á cor final. Nestas mesmas coordenadas móvese a actividade Galimatías, un pequeno curso impartido polo debuxante Fran Bueno no que os rapaces de entre 13 e 18 anos poderán coñecer os segredos da profesión de creador de banda deseñada. O obradoiro Galimatías será a actividade que peche a edición 2010-2011 de Bocaberta, este venres no concello coruñés de Betanzos.

Horarios e localizacións das últimas actividades

As localizacións e horarios das últimas actividades de Bocaberta están dispoñibles en internet, a través do boletín electrónico semanal do programa, accesible desde a páxina web de Política Lingüística (http://www.xunta.es/linguagalega/bocaberta). Ademais, Bocaberta conta con canles de actualización permanente dos contidos en Facebook, Twitter e Tuenti.

Máis de 700 actividades de dinamización lingüística

Bocaberta 2010-2011 naceu co obxectivo de promover a lingua galega entre os rapaces e rapazas de 3 a 18 anos. Con este fin, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, en colaboración cun total de 14 entidades –editoriais, discográficas, empresas de dinamización propiamente e artistas– deseñou actividades desde os intereses dos nenos e dos mozos co fin de propiciar a súa participación activa a través da palabra. Deste xeito, naceron Ti creas a historia, Vive os contos, A guerra das bruxas, Palabras no ar, En clave de conto, Abrapalabra, Detrás da canción, Atrapado na torre, Canta música!, Contos de maxia, Galimatías, Ola, ola, la! e Señor Mundo, dígame?

A banda deseñada, os monicreques, as tecnoloxías, a maxia, os obradoiros para nenos e familias, as emisións radiofónicas e as xincanas foron os principais ingredientes desta iniciativa, que levou, desde o pasado mes de outubro, máis de 700 accións por todos os concellos de Galicia.

Menús News node R

Colectivo

Tema