A Consellería de Educación participa na homenaxe a Avelino Pousa Antelo en Negreira

O director xeral de Educación destacou a dedicación do homenaxeado á docencia

Ven, 13/05/2011 - 14:00
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria participou hoxe na homenax
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria participou hoxe na homenaxe realizada ao mestre e intelectual Avelino Pousa Antelo, organizado no IES Xulián Magariños de Negreira.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria participou hoxe na homenaxe realizada ao mestre e intelectual Avelino Pousa Antelo, organizado no IES Xulián Magariños de Negreira.

O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, José Luis Mira, destacou no acto “o intenso labor desenvolvido, de forma plenamente vocacional, por Don Avelino”, e a súa “permanente entrega ao ensino ao longo de tantos anos” de Pousa Antelo. “Avelino Pousa é un daqueles mestres que souberon unir no seu traballo arte e oficio, moitas veces duro pero sempre inzado de humanidade e amor á terra”, explicou o director xeral, recordando que o homenaxeado “ocupou a súa vida e entregou o seu tempo para modelar a intelixencia, a sensibilidade e os coñecementos de milleiros de pícaros”.

“Este mestre sabio e xeneroso é o profesor Avelino Pousa Antelo, don Avelino, e esta homenaxe que lle hoxe brindamos os aquí presentes quere ser unha posta no foco, afectuosa, sentida e compartida, dunha persoa que dedicou boa parte da súa vida, desde logo os seus mellores anos, algúns aínda por vir, a aquilo que constituíu a súa verdadeira vocación na vida: cultivar, fomentar e dar a coñecer a cultura galega”, dixo o director xeral de Educación.

A esta homenaxe asistiron, ademais do representante de Educación, os alcaldes de Negreira e A Baña - localidade natal do autor-, Jorge Tuñas e José Andrés Cardeso, respectivamente; e membros da comunidade educativa do IES Xulián Magariños.

A homenaxe, que coincide co aniversario do escritor, comezou cunha actuación musical, e continuou coa proxección dun vídeo sobre Avelino Pousa Antelo. Posteriormente houbo intervencións das alumnas e alumnos do instituto, das autoridades e do propio homenaxeado. O acto pechouse cun xantar co autor nado na Baña.