A Serra de Outes, Cambados, Portas e Ferrol acollen as propostas de fin de semana do FalaRedes

Xoán Curiel e a banda Son+d2 levan A casa do terror mañá á Serra de Outes e o sábado a Cambados
Os Bolechas e o amigo Monte poderán gozarse pasadomañá en Portas e o domingo en Ferrol
A entrada a todos os espectáculos é libre e de balde ata completar a capacidade dos espazos programados
Xov, 19/07/2018 - 18:31

Os concellos da Serra de Outes, Cambados, Portas e Ferrol, pertencentes todos eles á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta, acollen as propostas de fin de semana do 'FalaRedes'. O programa de dinamización lingüística promovido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística ofrece na súa axenda desde mañá ao domingo as propostas A casa do terror, a cargo do músico Xoán Curiel e da banda Son+d2, e mais Os Bolechas e o amigo Monte, da man dos irmáns animados máis coñecidos de Galicia

O artista fonsagradino fará parada mañá, venres, na Serra de Outes, para presentar o seu novo proxecto na Casa da Cultura, desde as 18:15 horas; e o sábado en Cambados, no exterior do Pazo de Torrado, ás 12:00 horas. A actividade, que é terrorificamente divertida, combina música, danza e teatro e está pensada para familias con nenas e nenos de entre sete e doce anos. ‘A casa do terror’, presenta a historia dun grupo de amigos que se ve obrigado a durmir nun edificio encantado.

O sábado, Os Bolechas visitan o concello pontevedrés de Portas para presentar o seu novo espectáculo no Centro Cultural de Romai, ás 18:00 horas. Xa o domingo, a Capela do Centro Cultural Gonzalo Torrente Ballester de Ferrol acollerá, tamén a partir das 18:00 horas, unha nova función da peza Os Bolechas e o amigo Monte, pensada para concienciar as familias da necesidade de preservar os nosos montes a través dunha proposta que combina lingua, ecoloxía, lecer e a participación do público asistente.

O 'FalaRedes' despedirá o mes de xullo a vindeira fin de semana cunha axenda chea de propostas en Ponteareas, Melide, Frades, Bande, Oímbra, Coristanco e Arzúa. Coma sempre, a entrada aos espectáculos deste programa de actividades de lecer é libre e de balde ata completar a capacidade dos espazos programados. Toda a información e o calendario desta edición están dispoñibles no Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal/falaredes), nas redes sociais da RDL e na Axenda de Cultura de Galicia.