Máis de 100 profesores de FP asisten a unha xornada formativa sobre a comunicación de proxectos de empresa

A Consellería de Educación organiza un encontro no marco do Plan de Emprendemento ‘eduemprende’

Mar, 10/05/2011 - 14:11

Máis de 100 profesoras e profesores de ciclos de grao superior de Formación Profesional están a asistir á ‘Xornada técnica de formación sobre  a metodoloxía de comunicación de proxectos de empresa’, que se celebraron no CIFP Politécnico de Santiago de Compostela os días 9 e 10 de maio de 2011. O encontro, que ten entre os seus obxectivos a capacitación do profesorado para identificar dinámicas emprendedoras cara a consecución de proxectos empresariais, así como, apoiar e orientar ao profesorado na elaboración da documentación necesaria para participar nos premios FP Idea 2011, enmárcase nas diferentes iniciativas que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria está a desenvolver a través do Plan de Emprendemento no sistema educativo de Galicia, ‘eduemprende’.

Durante os dous días que durou a xornada abordáronse distintos aspectos do eido do emprendemento, co fin de identificar dinámicas emprendedoras cara a consecución de proxectos de éxito, definir elementos de avaliación de ideas e proxectos, e identificar instrumentos para unha comunicación efectiva dos resultados.

Esta iniciativa ven a reforzar o programa FP Plus constituíndose  como un elemento máis no fomento do espírito emprendedor reforzando a estratexia de fomento da cultura emprendedora que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria quere transmitir á comunidade educativa, tarefa para a que conta co apoio da Consellería de Economía e Industria, a través do Centro Europeo de Empresas e Innovación de Galicia (BIC Galicia).