Alumnado de educación secundaria de Barcelona tende novas pontes entre as linguas galega e catalá

Estudantes de galego en Cataluña que participan no Proxecto Galauda visitan Galicia para coñecer de preto a realidade lingüística e cultural da comunidade

O responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, recibiu esta mañá os rapaces e rapazas en Santiago de Compostela

Mar, 10/05/2011 - 13:13
O responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, recibiu esta mañá os rapace
O responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, recibiu esta mañá os rapaces e rapazas en Santiago de Compostela

Alumnos e alumnas de educación secundaria que estudan galego en Cataluña grazas ao proxecto Galauda atópanse esta semana en Galicia para completar a súa actividade académica. Trátase dos estudantes do IES Sant Just Desvern de Barcelona, que foron recibidos esta mañá polo responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo.

Durante o acto de benvida, o secretario xeral transmitiulles aos rapaces e rapazas que “saber galego é un valor engadido, xa que coñecer novas linguas supón unha riqueza e unha oportunidade, amplía o universo de comunicación e constitúe unha ponte que facilita o acceso a outros idiomas e culturas”. Así mesmo, incidiu nos principais obxectivos do proxecto Galauda, que son “fomentar o respecto ás linguas e ás culturas entre os adolescentes, promover a diversidade lingüística e cultural e favorecer a percepción do plurilingüismo como unha riqueza”.

O secretario xeral, que estivo acompañado pola directora do proxecto Galauda, Sabela Labraña, tamén aproveitou a ocasión para trasladarlle o seu recoñecemento, en nome do Goberno galego, “a todo o alumnado e profesorado que fan posible que a lingua galega estea presente en Cataluña e que, deste xeito, poidamos achegar dúas realidades diferentes, pero moi próximas, como son a galega e a catalá”.

No encontro, que tivo lugar na sede do Museo Pedagóxico de Galicia, en Santiago de Compostela, tamén participaron estudantes de secundaria do CPI de Vedra, con quen o alumnado de galego do IES Sant Just Desvern mantén un intercambio lingüístico galego-catalán durante o curso.

A lingua galega en Cataluña

En Cataluña, ademais da oferta de cursos para preparación das probas Celga, existe unha ampla oferta no propio ensino regrado. Pódense cursar estudos de lingua galega na Universidade Autónoma de Barcelona (UAB) e na Universidade de Barcelona (UB). Foi nesta última onde naceu en 1999 o proxecto Galauda, que conta coa colaboración das administracións autonómicas galega e catalá.

Grazas a este marco de colaboración, varios institutos de Cataluña veñen ofertando a aprendizaxe do galego como segunda ou terceira lingua. Neste curso académico 2010-2011, máis de 100 alumnos e alumnas dos institutos Arquitecte Manuel Raspall, Margarida Xirgú, Narcís Monturiol e Sant Just Desvern escolleron a materia de Lingua e Cultura Galegas como optativa en diferentes niveis de ESO.

Esta actividade académica complétase cunha programación de actividades para o alumnado, na que se inclúen, entre outras iniciativas, esta viaxe a Galicia e a participación no Saló Internacional del Còmic de Barcelona con materiais galegos e cataláns.

Declaracións de Anxo Lorenzo