O conselleiro de Educación reitera o seu compromiso de acadar un consenso coa sociedade galega no Decreto do Plurilingüismo

Xesús Vázquez Abad lembra que o respaldo da cidadanía nas urnas marca cales son os principios irrenunciables no novo texto
Lun, 25/01/2010 - 16:46

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, valorou positivamente os encontros mantidos hoxe cos representantes dos partidos políticos galegos, no marco da rolda de contactos arredor das bases do Decreto do Plurilingüismo.

Con todo, Vázquez Abad lembrou que a Consellería aínda está a recibir propostas de diversos colectivos, polo que ''primeiro teremos que ter na man todas a as alegacións, suxestións e plans de mellora e nese momento, por suposto baixo unha reflexión, poderemos ver como traballar, precisamente con aqueles grupos que están dispostos a traballar e a falar nunha mesa''.

O conselleiro de Educación reiterou o seu compromiso de acadar un ''consenso coa sociedade''. Neste sentido aclarou que, aínda que ''estamos na primeira etapa, a partires de agora haberá que empezar a negociación e a falar sobre aqueles puntos que podan ser tratados'', o texto final non renunciará ''aos principios que nós levabamos no programa electoral e que entendemos que foron os que o dia 1 de marzo fixeron que o actual goberno fose respaldado por unha inmensa maioría dos galegos''.

Neste sentido, Vázquez Abad lembrou que ''sempre falamos dun equilibrio total entre as dúas linguas oficiais, o galego e o castelán, para, a partir de aí, e sempre sen ningún tipo de imposición, contando coa sociedade, cos alumnos, cos pais, e co profesorado ir introducindo outras linguas para que os nosos rapaces estean preparados para o día de mañá, pero sempre tendo en conta a igualdade entre as linguas cooficiais''. ''O que nunca aceptariamos sería unha inmersión lingüística nunha das dúas linguas'', indicou.

Preguntado polos prazos, o conselleiro de Educación explicou que, unha vez redactado o texto do Decreto, este terá que ser presentado á Mesa Sectorial, e terá que ter en conta o criterio do Consello Escolar e da Asesoría Xurídica. En todo caso, Vázquez Abad comprometeuse a que o novo Decreto do Plurilingüismo estea en marcha o vindeiro curso.