A Consellería de Educación incrementa nun 70% as estadías formativas do profesorado de FP en empresas de prestixio nacional e internacional

Un total de 34 docentes participarán nesta actividade, que redundará nunha actualización dos seus coñecementos e nunha mellor preparación dos titulados da FP galega

A colaboración coas empresas favorecerá a inserción laboral do alumnado

Dom, 08/05/2011 - 10:30

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de organizar estadías en empresas de prestixio nacional e internacional grazas ás que 34 profesores e profesoras de formación profesional mellorarán a súa cualificación profesional. Este dato representa un incremento de máis do 70% respecto do número de profesores e profesoras de formación profesional que as realizaron nas tres últimas convocatorias.

As estadías permitirán aos docentes mellorar a súa cualificación profesional, potenciando o seu coñecemento dos procesos produtivos que se desenvolven nas empresas nas que se van realizar. Algúns destes profesores e profesoras desenvolverán esta actividade formativa en países da Unión Europea como Finlandia, Italia ou Romanía, e outros realizarán as súas respectivas estadías nas comunidades autónomas de Valencia e Asturias.

Os ciclos formativos teñen como obxectivo a preparación do alumnado para a súa inserción laboral mediante unha formación de carácter eminentemente práctico. Isto implica a necesidade dunha simbiose entre a empresa, os centros educativos e o profesorado. Así mesmo, o feito de que os ciclos formativos teñan como obrigatorio e avaliable un período de formación en centros de traballo fai necesario que o profesorado teña previamente un coñecemento directo dos procesos produtivos que se desenvolven nas empresas.

Colaboración coas empresas

Con esta iniciativa a Administración educativa dá resposta ás necesidades formativas do profesorado de formación profesional, achegándoo ao mundo produtivo e aos seus avances tecnolóxicos mediante a realización de actividades formativas que se desenvolvan nun ámbito produtivo real.

Ademais a colaboración e a relación coas empresas, en particular coas dos sectores claves da economía galega, permitirá un maior aproveitamento dos recursos e ha favorecer a inserción laboral do alumnado, a mellora da competitividade das empresas, e a actualización profesional do profesorado e dos traballadores e traballadoras que redundará nunha maior formación e cualificación para os futuros titulados da FP galega.