A Consellería de Educación apoia a XX edición das Xornadas de Equipos Directivos, que se clausuran hoxe no Pazo de Mariñán

O director xeral de Educación sinalou durante o acto que “precisamos da experiencia de profesores coma vós, dedicados de cheo á procura dunha sociedade cada vez máis culta e preparada para enfrontar os retos do porvir”

A esta edición, dedicada á dirección dinamizadora da actividade escolar, asistiron máis de 70 directores de centros de educación infantil e primaria

Sáb, 07/05/2011 - 14:00

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria apoiou a XX edición das Xornadas de Equipos Directivos que se celebra desde o pasado xoves no Pazo de Mariñán, en Bergondo, e que hoxe foi clausurada polo director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación, José Luis Mira.

Durante a súa intervención o director xeral recordou a importancia dos directores xa que “é unha tarefa complexa e comprometida, de gran importancia para a mellora do sistema educativo, polo que a Consellería ten que apoiarvos de forma decidida. A actividade formativa que a Consellería de Educación facilita, forma parte dese compromiso, porque sabemos que está en xogo o porvir das novas xeracións, dos futuros homes e mulleres da nosa terra. E precisamos da experiencia de profesores coma vós, dedicados de cheo á procura dunha sociedade cada vez máis culta e preparada para enfrontar os retos do porvir”.

Ao mesmo tempo destacou que “temos por diante unha tarefa importante. Para abordala temos que asumir grandes doses de esforzo, pero non imos escatimar na súa entrega, pois o traballo que facedes é imprescindible para a sociedade. Desde a consciencia da súa importancia debemos e queremos contribuír a mellorar a faciana máis importante do desenvolvemento dunha persoa, a súa educación”.

O director xeral aproveitou esta xornada para informar aos asistentes dos proxectos nos que se está a traballar desde a Consellería e pediulles apoio para o seu desenvolvemento.

A función directiva

Cómpre destacar que estas xornadas congregaron a máis de 70 directores de centros educativos públicos de infantil e primaria. O obxectivo das mesmas foi facer unha reflexión sobre as relacións entre a comunidade educativa, entendendo a función dos directores como a de coordinadores de todas as accións que se desenvolven a prol dun ensino de calidade.

Asemade realizouse unha análise das funcións de dirección como eixo dinamizador do labor pedagóxico, desenvolvendo propostas e estratexias para acadar o liderado educativo. Do mesmo xeito traballouse sobre a actual normativa curricular e todo o relativo ás novas tecnoloxías que faciliten os procesos educativos dentro dos centros.

No acto celebrado hoxe estivo presente Jordi Vivancos Martí, mestre e licenciado en pedagoxía, profesor de ensino secundario, formador en TIC e xefe do servicio de técnicas de aprendizaxe colaborativa e creación de coñecementos en rede de Cataluña. Xunto a el estivo Natalia Roibás, presidenta da asociación de directores de Colexios Públicos da Coruña, e o inspector xefe da Consellería de Educación na provincia coruñesa, José Antonio Gay.