O conselleiro de Educación asiste á entrega dos premios Bacelos de Prata na súa VIII edición en Ribadavia

Este ano resultaron premiados os colleiteiros Elisa Collarte Bernández e Alfredo Alvarado Pires

Sáb, 07/05/2011 - 13:00
O conselleiro de Educación, cos premiados
O conselleiro de Educación, cos premiados

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asistiu hoxe á entrega de premios Bacelos de Prata, celebrado no Pazo dos Ulloa- Esposende, en Ribadavia (Ourense), uns galardóns cos que se recoñece o esforzo dos adegueiros para utilizar o galego na comercialización dos seus produtos.

Durante a súa intervención o conselleiro recordou que “o binomio viño galego e lingua galega está a producir moi bos resultados”. Neste sentido Vázquez Abad destacou que a decisión dos premiados de etiquetar os seus produtos en galego “prestíxiaos á hora de comercializalos, porque representa unha imaxe positiva de Galicia e da nosa capacidade de competitividade e de desenvolvemento, algo fundamental en calquera iniciativa empresarial”.

Os premiados

Nesta VIII edición resultaron gañadores a colleiteira Elisa Collarte Bernárdez, da Denominación de Orixe Ribeiro, pola utilización da lingua galega dende hai moitos anos, na etiquetaxe e publicidade da súas marcas ‘Cordón de Santo André’, un branco de variedades autóctonas; e ‘Elisa Collarte’, un tinto de mencía. Asemade tamén resultou premiado o colleiteiro Alfredo Alvarado Pires, tamén do Ribeiro, pola etiquetaxe do seu viño ‘Acinus’, elaborado coas castes autóctonas treixadura, loureira e albariño.  

O xurado deste ano estivo conformado polo presidente da asociación Álvaro das Casas, Avelino Muleiro García; o cociñeiro do programa da TVG “Larpeiros”, Benigno Campos Melón; a enóloga, Maribel Gómez Soriano; o propietario da Adega Casal de Paula, Emilio Docampo Diéguez- que o ano pasado recolleu este mesmo galardón. Tamén formaron parte do mesmo o presidente do Foro Peinador, Xosé González Martínez; un dos membros da asociación Álvaro das Casas e a súa secretaria, Cándido Vázquez Mosquera e Carme Pérez Vaquero, respectivamente, así como Xosé Lois González Vázquez.