O profesorado de infantil dispón de novos recursos audiovisuais para traballar a competencia lingüística en galego do alumnado

A Secretaría Xeral de Política Lingüística enviaralles aos centros tres curtas de animación con contos que inclúen propostas didácticas para traballar nas aulas

O responsable do departamento, Anxo Lorenzo, presentou hoxe os materiais nos VIII Encontros de Educación Infantil

Sáb, 07/05/2011 - 11:30
Imaxe do conto audivisual Os sete cabritos
Imaxe do conto audivisual Os sete cabritos

O responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, presentou hoxe tres curtas de animación coas que a secretaría xeral pretende facilitarlles novos recursos ao profesorado de infantil para traballar a competencia lingüística en galego do alumnado. Trátase dos contos Os sete cabritos, A pota que trota e Fiz, o coleccionista de medos, que están acompañados dun CD cunha proposta didáctica.

A secretaría xeral enviaralles estes materiais audiovisuais, producidos por OQO editora, a todos os centros educativos de Galicia que imparten educación infantil, segundo anunciou hoxe Anxo Lorenzo no marco dos VIII Encontros de Educación Infantil, en Santiago de Compostela, nos que participan 500 profesores e profesoras.

Durante a súa intervención, o secretario xeral destacou “a calidade lingüística, estética e didáctica dos materiais, que inclúen unha proposta para o uso das tres curtas na aula elaborada por profesionais con ampla e recoñecida traxectoria na educación infantil”. Estas propostas didácticas asociadas ás tres curtas de animación inciden nas competencias activas –falar e escribir– e permiten completar así as aprendizaxes lingüísticas que desenvolven os nenos e nenas de educación infantil.

Obxectivos

Aínda que estes audiovisuais permitirán traballar distintas competencias básicas, “o obxectivo fundamental da secretaría xeral é que contribúan a desenvolver a competencia do alumnado de infantil en comunicación lingüística en galego”, afirmou Anxo Lorenzo.  Para iso, búscase presentarlles aos rapaces e rapazas modelos de fala que teñan calidade e sexan diferentes aos que escoitan acotío, co fin de enriquecer as súas experiencias lingüísticas. Tamén se procura, mediante as actividades suxeridas na proposta didáctica, que o alumnado se exprese, que manifeste preferencias e sentimentos, que dialogue cos compañeiros, que narre etc., para desenvolver as competencias activas.

Deste xeito, os materiais responden aos obxectivos recollidos no Decreto polo que se establece o currículo da educación infantil e mais no Decreto para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, que inciden na necesidade de que todo o alumnado –independentemente de cal sexa o seu primeiro idioma, o que aprendeu na casa– adquira o coñecemento da lingua galega propio da etapa educativa ao finalizar o segundo ciclo da educación infantil.

Unha experiencia divertida para aprender lingua

O secretario xeral agradeceu o labor dos docentes para que estes materiais cumpran o seu obxectivo e animounos a converter o traballo cos audiovisuais nunha “experiencia interesante e divertida para os nenos e nenas, grazas a un clima de aula en que impere a confianza e o afecto, o clima axeitado para aprender lingua”.

Co fin de darlle continuidade a estas iniciativas, a Secretaría Xeral de Política Lingüística está a traballar na creación dun espazo web dedicado á educación infantil con materiais de interese para as aulas da etapa de 3 a 6 anos.

Menús News node R

Colectivo