Fállase o I Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade
Lun, 25/06/2018 - 14:04
logo

A editorial Baía acaba de fallar o I Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade. Segundo informan na súa web, as autoras gañadoras foron Antía Yáñez e Sabela Losada, por "A reconquista" e "Vemella!", respectivamente.

O Xurado considerou as dúas obras merecedoras do premio en igualdade de condicións, manifestando que atenden a ámbitos moi distintos e complementarios e defendendo o especial interese de cada unha delas por distintos motivos.

A reconquista, destaca polo acaído tratamento da ocupación do espazo central, o liderado feminino e a solidariedade. Ademais, pola combinación de dúas voces narrativas diferentes, que aluden ao humano e animal, e ao ámbito da ficción e do libro divulgativo, o que fai da obra unha proposta literaria moi atractiva e interesante para as nenas e para os nenos, ao resaltar tamén por ser un exemplo de resolución positiva dos conflitos que xorden no propio contorno.

Vermella! destaca por ser quen de sacar á luz un tema tabú e pouco tratado na literatura infantil, como é o da menstruación desde unha perspectiva de indagación case que policial e de divertimento por parte da rapazada protagonista. Igualmente, a historia consegue manter a súa intriga, mesmo coa axuda de trazos do humor natural característico do mundo infantil, na procura da descuberta, que lle dá sentido á trama e que ten que ver coa propia e progresiva descuberta do corpo da nena».

O Xurado estivo formado por Ana Luísa Bouza Santiago (socióloga), Montse Pena Presas (profesora da USC e crítica literaria), Patricia Porto Paderne (xerente da libraría compostelá especializada en temática feminista Libraría de Mulleres Lila de Lilth), Pilar Sampedro Martínez (mestra e vicepresidenta de Gálix) e a directora editorial de Baía Edicións, María Belén López Vázquez, que actuou ademais como secretaria.

As obras serán publicadas por Baía Edicións en álbums ilustrados a toda cor na colección Contoxconto antes de finalizar o ano e o Premio de 5.000 € repartirase a partes iguais entre as dúas escritoras merecedoras do galardón.