A Consellería de Educación participa nas III Xornadas Climántica ‘Auga e cambio climático’

O encontro celébrase no IES Universidade Laboral, na localidade coruñesa de Culleredo

Ven, 06/05/2011 - 17:24
O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Jos
O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Jose Luis Mira, asistiu hoxe ao acto de apertura destas xornadas

A Consellería de Educación e ordenación Universitaria participa nas III Xornadas Climántica ‘Auga e cambio climático’, que se celebran no IES Universidade Laboral, de Culleredo (A Coruña).

O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Jose Luis Mira, asistiu hoxe ao acto de apertura destas xornadas, nas que destacou a importancia do profesorado no labor activo de educación ambiental nas escolas e nos institutos de Galicia, xa que “a defensa do medio ambiente é o motor do progreso, da innovación e do benestar da sociedade”. Así mesmo explicou que o Proxecto Climántica afronta “os retos da nova sociedade desde a innovación en temas medio ambientais, facendo das novas tecnoloxías o seu eixo e fomentando as metodoloxías activas e de traballo por proxectos”.

Climántica é o proxecto de Educación Ambiental da Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe en colaboración coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Este proxecto é froito do traballo en equipo levado a cabo por diferentes expertos, consta de catro grupos de traballo –didáctica, edición gráfica, multimedia e asesoría científica – que traballan coordinados mediante o uso dunha plataforma colaborativa situada na intranet da web do proxecto.

As xornadas realízanse con motivo da publicación do 3º libro de Climántica (Auga e cambio climático). O seu obxectivo é propiciar a actualización científica do profesorado no marco das relacións da crise da auga co reto do cambio climático, e analizar a introducción dos contidos e actividades do libro didáctico nos proxectos curriculares. Ademais preténdese que os asistentes reflexionen sobre modelos de actividades prácticas relativas á análise da calidade de auga, a súa depuración e as relacións da crise da crise contemporánea da auga co reto do cambio climático.

O programa do encontro xira arredor de tres grandes preguntas relacionadas coa introdución no currículo de Primaria e Secundaria das áreas e materias relativas á auga e ás súas relacións co cambio climático. Así, as xornadas comezarán con relatorios sobre 'Con que ensinar sobre a auga e as súas relacións co cambio climático?', nos que se proporán contidos, actividades e recursos para a súa introdución nos temarios.

Así mesmo, e tratando de dar reposta á pregunta 'Que ensinar sobre a auga e as súas relacións co cambio climático?', desenvolveranse cinco conferencias – coloquio nas que se tratarán temas como formación e evolución da hidrosfera, a auga na historia das civilizacións e na actualidade, impactos, riscos, depuración e actividades no laboratorio e no entorno.

 

Finalmente celebrarase unha mesa redonda na que se abordarán resposta para a pregunta 'Como ensinar sobre a auga e as súas relacións co cambio climático?', con reflexións sobre prácticas de laboratorio sobre auga e cambio climático, actividades prácticas sobre o medio fluvial e sobre o medio litoral

Menús News node R