O sistema educativo galego contará con 30 auxiliares de alto perfil académico en inglés, un 25% máis

O conselleiro asinou un convenio coa Comisión Fulbright para dotar aos IES galegos deste apoio

Sumaranse ao resto dos nativos que se incorporarán ao ensino galego, ata sumar un total 617 auxiliares a disposición do alumnado

Así mesmo, asinouse outro acordo para que 10 posdoutorais do SUG podan acceder ás prestixiosas estadías desta entidade en EEUU

Dom, 17/06/2018 - 12:00
O sistema educativo galego contará con 30 auxiliares de alto perfil académico en inglés, un 25% máis

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez e Stewart Tuttle, copresidente estadounidense da Comisión Fulbright de Intercambio Cultural, Educativo e Científico entre España e os Estados Unidos de América, veñen de asinar dous convenio de colaboración, un deles en materia de plurilingüismo e outro en beneficio dos posdoutorandos do Sistema Universitario de Galicia. Ao acto asistiron tamén o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; o director xeral de Educación, FP e Innovación educativa, Manuel Corredoira; e o director executivo da Comisión, Alberto López San Miguel.

Ao abeiro do primeiro dos acordos, o sistema educativo galego contará o vindeiro curso con 30 auxiliares de alto perfil académico seleccionados pola Comisión Fulbright, o que supón un 25% máis ca no presente curso. O obxectivo desta iniciativa é favorecer a presenza de persoas nativas de fala inglesa cun alto perfil académica nos centros plurilingües galegos, contribuíndo ao fomento das vocacións STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñarías e Informática), así como á competitividade futura do alumnado nestes eidos, nos que o dominio da lingua inglesa é fundamental.

Estes nativos sumaranse aos aprobados no pasado Consello da Xunta, así como aos que se incorporarán ao sistema educativo galego, ben financiados pola Consellería, ben a través da colaboración interinstitucional co propio Ministerio, co Instituto Confucio, co Instituto Camões e coa Académie de Amiens; ata sumar un total de 617 auxiliares de conversa prestando apoio ao alumnado galego no vindeiro curso 2018/19.

Esta medida enmárcase na Estratexia galega de linguas estranxeiras 2020, EDUlingüe, cuxo obxectivo fundamental é estender o plurilingüismo a todas as etapas educativas e facilitar que os alumnos e alumnas poidan acreditar o seu nivel de lingua estranxeira ao final de etapa.

Posdoutorais Fulbright

O segundo convenio asinado suporá a posta en marcha do programa de axudas Xunta de Galicia-Fulbright. Deste xeito posibilítase que, por primeira vez, ata 10 contratados posdoutorais galegos podan acceder aos servizos complementarios da prestixiosa entidade. A selección dos investigadores beneficiarios levarase a cabo mediante a convocatoria pública, para o ano 2018, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

En concreto esta acción permitirá que 10 contratados da convocatoria de posdoutorais da Xunta de Galicia do ano 2018 na súa modalidade A e que realicen a estadía no Estados Unidos de América podan ter esta opción. Ao abeiro deste acordo financiaranse os servizos complementarios destinados ás persoas beneficiarias das estancias Fulbright que prestará a Comisión, tales como xestión e apoio de visados; apoio, xestión e asesoría durante a estancia nos Estados Unidos; participación dos beneficiarios en seminarios, actividades científicas e culturais que se organicen en nome e polo Programa Fulbright; seguro médico con cobertura de enfermidade e accidentes; así como formar parte da rede de antigos alumnos Fulbright do U.S. Departament of State.

O Programa Fulbright é un programa de axudas académicas de referencia mundial que ten como finalidade promover e fomentar intercambios culturais, educativos e científicos entre universidades, centros de investigación ou outras institucións educativas dos Estados Unidos de América. Está presente en 160 países baixo os principios de globalidade e excelencia académica dos seus participantes.