O IES Fraga do Eume convida o secretario xeral de Política Lingüística a participar na Semana das Letras Galegas do centro

Anxo Lorenzo faloulles aos estudantes de secundaria da situación actual do galego, dos esforzos realizados nos últimos trinta anos a prol da normalización lingüística e dos retos que afronta o idioma

Mar, 03/05/2011 - 19:25

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, participou hoxe na Semana das Letras Galegas que organiza o IES Fraga do Eume, unha iniciativa coa que este centro educativo de Pontedeume se suma á conmemoración do 17 de maio. Fíxoo cun relatorio para o alumnado de bacharelato e 4º da ESO, onde tivo ocasión de falarlles aos estudantes da situación actual da lingua galega.

Durante o encontro, que tivo lugar na biblioteca do centro, o secretario xeral aproveitou para explicarlles de primeira man aos rapaces e rapazas as principais funcións do departamento que dirixe, así como as medidas que está a desenvolver para promover o uso do galego. Así mesmo, presentoulles unha breve análise das políticas lingüísticas desenvolvidas nos últimos 30 anos, incidindo nos cambios que supuxeron a aprobación do Estatuto de Estatuto de Autonomía de Galicia e Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística a prol do recoñecemento legal e a oficialización da lingua galega.

A evolución da visibilidade social e institucional do galego, as melloras na competencia lingüística e os cambios substanciais nas actitudes sociais sobre o idioma foron outras das cuestións que tratou o secretario xeral. Ao remate da intervención, os estudantes tiveron ocasión de realizarlle diversas preguntas sobre a lingua galega ao secretario xeral.

A visita do responsable de Política Lingüística ao instituto coruñés enmárcase na celebración da Semana da Lingua Galega, que organiza este centro por segundo ano consecutivo co gallo do Día das Letras Galegas. Ademais de iniciativas relacionadas coa sociolingüística, o instituto inclúe na Semana da Lingua Galega, entre outras, actividades lúdicas, recitais poéticos e coloquios con escritores.

Menús News node R

Colectivo