O conselleiro de Educación visitou o IES da Cañiza

Xesús Vázquez Abad interesouse polas necesidades da comunidade educativa deste centro pontevedrés

Mar, 03/05/2011 - 13:49

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, estivo hoxe no IES da Cañiza, no marco da rolda de  visitas que está a realizar aos centros educativos de Galicia co fin de coñecer en primeira persoa as necesidades das súas instalacións e da súa comunidade escolar.

Durante o seu percorrido polo instituto, no que estivo acompañado polo xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia visitou a biblioteca, que leva recibidos 4.500 euros. “Grazas a este investimento do departamento educativo da Xunta de Galicia estanse a mellorar os recursos e fondos deste espazo, e impúlsanse diferentes iniciativas para o fomento da lectura entre o alumnado do centro”, explicou Vázquez Abad.

O conselleiro de Educación renovou con esta visita o seu compromiso co centro pontevedrés e en concreto co benestar dos seus 144 estudantes, “algo que xa se está a demostrar a través das melloras realizadas no instituto, como a instalación dun ascensor, no que a Consellería investiu preto de 59.000 euros”.