Román Rodríguez aposta por seguir afondando na coordinación interuniversitaria, a internacionalización e a excelencia investigadora na nova etapa da USC

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria interveu hoxe na toma de posesión de Antonio López como reitor da Universidade de Santiago de Compostela

Mar, 05/06/2018 - 18:38
Román Rodríguez aposta por seguir afondando na coordinación interuniversitaria, a internacionalización e a excelencia investigadora na nova etapa da USC
Román Rodríguez aposta por seguir afondando na coordinación interuniversitaria, a internacionalización e a excelencia investigadora na nova etapa da USC

A coordinación interuniversitaria, a suficiencia financeira, a excelencia investigadora, a transferencia de coñecemento e a internacionalización son algúns dos principais retos de futuro nos que cómpre seguir avanzando e afondando no eido universitario galego. Así o expresou esta mañá o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, no acto de toma de posesión de Antonio López como novo reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), a quen lle expresou os seus parabéns polo cargo que asume, así como a vontade de seguir traballando de xeito coordinado entre ambas institucións.

Román Rodríguez tamén aproveitou para amosar o seu agradecemento a Juan Viaño polo seu traballo, dedicación e lealdade institucional nun momento no que tivo a fortaleza de ter que asumir “decisións difíciles, pero necesarias” para garantir unha universidade mellor preparada para o futuro.

Nun acto solemne que tivo lugar no Pazo de Fonseca, Román Rodríguez subliñou a necesidade de seguir avanzando na construción dunha universidade de “vangarda”, que estea presente na sociedade e atenta ás súas necesidades, que sexa integradora e aberta e capaz de captar e reter o talento dos seus estudantes. Neste liña o conselleiro expresou a importancia de ter acadado un Plan de Financiamento estable que garante ata 2020 a suficiencia e a sustentabilidade financeira do sistema, con partidas planificadas e obxectivas para os próximos anos. Este fito foi posible grazas á colaboración entre universidades, unha cooperación que permitiu crear o Consorcio Interuniversitario de Galicia (CISUG), co obxectivo de continuar avanzando nunha maior e mellor coordinación e eficiencia do sistema. Segundo Román Rodríguez, este Consorcio “debe ser o punto de partida” para unha relación eficaz de traballo entre todos para lograr un sistema competitivo, vinculado ao territorio e que dea resposta ás demandas reais da sociedade.

Así mesmo, o conselleiro abondou en aspectos como a transferencia do coñecemento, “unha ferramenta social de construción de progreso e benestar”, a través da cal a universidade debe estar interconectada co tecido empresarial que a rodea; a aposta pola excelencia investigadora e a promoción da investigación (precisamente Galicia acollerá o único centro de investigación de España vinculado ao estudo da paisaxe, dos itinerarios culturais e do patrimonio cultural);  a internacionalización e a equidade, garantindo a igualdade de oportunidades e a pluralidade.