O vindeiro curso arrincará en Mondoñedo o seu segundo ciclo de FP Dual, en enerxías renovables

O conselleiro, a alcaldesa e a apoderada da empresa Energías Renovables Operación & Mantenimiento asinaron hoxe o convenio para poñelo en marcha

Ven, 01/06/2018 - 20:21
O vindeiro curso arrincará en Mondoñedo o seu segundo ciclo de FP Dual, en enerxías renovables

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; a alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia; e a directora de Recursos Humanos de ACCIONA Service, filial á que pertence EROM (Energías Renovables Operación & Mantenimiento), Raquel Ramírez; asinaron hoxe un convenio de colaboración para poñer en marcha o vindeiro curso o que será o segundo ciclo de FP Dual de Mondoñedo. Este proxecto, no grao superior en Enerxías Renovables, terá dous cursos de duración e desenvolverase en colaboración co CIFP As Mercedes (Lugo), centro especialista e de referencia na familia profesional de Enerxía e auga.

Ao abeiro deste convenio –a cuxa sinatura tamén asistiu o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro–, o Concello de Mondoñedo comprométese a ceder unha nave que se empregará como espazo educativo, para o que será dotada pola empresa de todo o equipamento necesario. Pola súa parte, a empresa acollerá un mínimo de 15 alumnos e alumnas para este proxecto experimental de formación profesional dual.

Así mesmo, a empresa comprométese a financiar o proxecto a través dun sistema de bolsas. Así mesmo, os alumnos serán incorporados ao réxime xeral da Seguridade Social, e disporán dun mínimo de 30 días naturais de vacacións por curso

Ao longo dos dous cursos, o alumnado combinará a formación curricular no centro educativo coa complementaria que ofreza a compañía e estadías nas que realizarán actividade profesionalizadora nas instalacións de Energías Renovables Operación & Mantenimiento. Así, os estudantes formaranse no centro durante o primeiro trimestre de cada un dos cursos de duración do proxecto formativo, mentres que a estadía na empresa estenderase ao longo do segundo e o terceiro trimestre. Desta forma, do total das 2.000 horas das que se compón o ciclo, o 52 % serán de formación no centro e o 48% restante corresponderase coas que pasen na propia compañía.

Dentro da actividade de formación que se levará a cabo na empresa, os alumnos obterán a certificación formativa no estándar mundial de formación en enerxía eólica de Global Wind Organization (G.W.O.), tanto no módulo de seguridade laboral como na parte de mantemento eléctrico, mecánico e hidráulico, dado que a empresa conta con dúas escolas propias en Galicia. Esta certificación permite o recoñecemento das competencias adquiridas pola maioría das empresas presentes no mundo das enerxías renovables e supón un valor engadido ao módulo curricular.

EROM ubicou en Mondoñedo en 2011 o seu centro de operacións da zona noroeste de España onde se dá servizo a Galicia, Castela e León e Asturias para distintos propietarios de parques eólicos.

Unha oportunidade para a Mariña

Román Rodríguez sinalou a implantación deste proxecto de FP Dual como unha oportunidade para a Mariña, en concreto para a empregabilidade da mocidade, dado que o sector das enerxías renovables ten unha clara proxección de futuro. Neste sentido, agradeceu a Energías Renovables Operación & Mantenimiento a confianza depositada na FP galega e en concreto no CIFP As Mercedes, como centro de referencia na impartición das ensinanzas desta familia profesional e, polo tanto, formador de profesionais altamente cualificados neste ámbito.

Así mesmo, salientou o feito de que esta modalidade de formación profesional se estea a estender progresivamente na Mariña lucense. Non en balde, no presente curso o mindoniense IES Plurilingüe San Rosendo comezou a impartir FP Dual, en concreto cun proxecto no ciclo de grao medio en Aproveitamento e conservación do medio natural, en colaboración con 12 empresas e a Asociación Provincial de Empresarios de la Primera Transformación de la Madera de Lugo). Ademais, no curso 2017/18 implantouse no IES de Foz unha dobre titulación en Dirección de cociña e en Dirección de servizos de restauración, en colaboración con Arlea Hotels e púxose un marcha un proxecto no ciclo de grao medio de Electromecánica de maquinaria no CIFP Porta da Auga (Ribadeo, en colaboración con 7 empresas).