Uns 250 docentes participan na XI Xornada dos Clubs de Lectura para compartir experiencias e afondar en novas accións

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, fíxolle entrega do Premio deste ano ao poeta e docente Carlos Negro, que foi elixido polos alumnos que participan nos clubs
No presente curso están funcionando 231 clubs de lectura, que implican a preto de 12.000 persoas entre alumnado, profesorado e familias
Ven, 01/06/2018 - 11:26

Preto de 250 docentes de toda Galicia reúnense hoxe en Santiago con motivo da XI Xornada dos Clubs de Lectura, que cada ano organiza a Consellería de Educación en colaboración co Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) e os propios centros de ensino, coa finalidade de compartir experiencias e afondar en novas accións sobre o libro e a lectura en torno á biblioteca escolar como centro de referencia.

Con motivo desta xornada, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, fíxolle entrega do premio de Clubs de lectura 2018 a Carlos Negro, por ser o autor galego más lido polas lectoras e lectores que formaron parte dos Clubs no pasado curso escolar. Román Rodríguez resaltou as facetas de poeta e de docente de Carlos Negro, que o fan conectar de xeito especial co público máis novo.

Este galardón foi creado en 2015 co obxecto de poñer en valor o labor de autores galegos que facilitan coas súas obras a función do profesorado como mediadores de lectura e que concitan o interese das persoas que toman parte nos clubs, contribuíndo á construción de novos lectores e lectoras na etapa da adolescencia. Trátase, ademais de creadores comprometidos coa lingua propia de Galicia e coa extensión da lectura en galego. Carlos Negro súmase así á lista de autores galardoados ata o momento, como foron Agustín Fernández Paz (2015), Ledicia Costas (2016) e Miguelanxo Prado (2017).

Bibliotecas en primeira liña

Román Rodríguez aproveitou tamén para agradecer o traballo voluntario dos docentes para facer posible o funcionamento dos clubs de lectura, e que as bibliotecas escolares dos centros galegos estean á cabeza do Estado en aspectos como a formación dos usuarios, a atención á diversidade, a implicación das familias, ou a organización de actividades culturais e literarias, como confirma o último informe do Ministerio de Educación.

O conselleiro puxo en valor os clubs, non só como espazos de aprendizaxe e de mellora de competencias clave, senón tamén como espazos de sociabilidade, de convivencia, de inclusión e de fomento da igualdade.

Grupos de dinamización da lectura

No presente curso en Galicia hai un total de 231 clubs de lectura en ensino secundario e posobrigatoiro, concibidos como grupos de dinamización a prol da lectura no seo das comunidades educativas de cada centro. Funcionan, ademais, como espazos de convivencia e educación cidadá e como ámbitos de aprendizaxe non formal que contribúen á adquisición de competencias clave, ao acceso á lectura dixital e ás novas tecnoloxías da comunicación e da información, a través do uso nas súas actividades das redes sociais, os booktrailers ou os blogues.

O 82% dos clubs acolle varios grupos de lectura, dependendo do nivel de estudos, os intereses dos participantes ou as temáticas. Nas reunións, que se celebran fóra do horario lectivo, participan este curso preto de 12.000 persoas, entre profesorado, alumnado, persoal non docente e familias. Non en balde, o 26% dos membros dos clubs son adultos, o que dá conta da capacidade destes grupos para conectar interxeneracionalmente a comunidade educativa.

Intercambio de experiencias

Ademais da entrega do premio deste ano a Carlos Negro, que participará nun obradoiro de poesía; os docentes dos distintos centros escolares que participan na xornada de hoxe afondarán nas experiencias e nas boas prácticas dos clubs. Así, a través de mesas temáticas, obradoiros, e charlas, abordaranse cuestións como as estratexias para a selección de lecturas, a banda deseñada, os contextos de diversidade, a inclusión, a cultura xitana, a lectura fácil ou a lectura viva, entre outros.