O conselleiro de Educación visitou as instalacións do CEIP Eladia Mariño, en Cabanas

Xesús Vázquez Abad continúa así co seu percorrido por centros de ensino de toda Galicia para coñecer en primeira persoa as súas necesidades

Lun, 02/05/2011 - 13:19
O conselleiro de Educación visitou as instalacións do CEIP Eladia Mariño, en Cab
O conselleiro de Educación visitou as instalacións do CEIP Eladia Mariño, en Cabanas

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe o CEIP Eladia Mariño, en Cabanas, onde compartiu cos 158 alumnas e alumnos do centro parte das actividades lectivas diarias.

Durante o seu percorrido polo colexio, no que estivo acompañado polo delegado da Xunta de Galicia na Coruña, Diego Calvo, e pola xefa territorial de Educación na provincia, Mª Teresa Villaverde Pais, Vázquez Abad aproveitou para falar co equipo directivo sobre os traballos de demolición das antigas escolas unitarias que a Consellería vai realizar nas vacacións de verán neste centro por importe de máis de 56.300 euros, unha vez rematada a construción dos aseos de infantil, nos que se investiron máis de 19.600 euros..

Respecto dos devanditos edificios das unitarias, que están dentro do recinto escolar, cómpre sinalar que o seu derribo permitirá a ampliación do espazo dedicado á zona de aparcamento. Esta zona será asfaltada e acondiconada polo Concello de Cabanas.

Ademais, o conselleiro interesouse polo desenvolvemento das clases nas dúas seccións bilingües que están a funcionar no centro, das que se benefician 31 dos seus estudantes.

Con esta visita Xesús Vázquez Abad continúa con seu percorrido por centros de ensino de toda Galicia, co fin de coñecer en primeira persoa as súas necesidades e as demandas das súas respectivas comunidades educativas.