A Xunta aposta por reforzar a competencia en lingua galega da cidadanía a través do Plan de Formación 2011

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria impulsará 193 cursos Celga e 84 cursos de linguaxes específicas para os traballadores públicos durante este ano

O plan tamén incide na formación dos formadores, na formación no exterior e na elaboración de materiais e recursos para a aprendizaxe do idioma

Por primeira vez, o Goberno galego pon en marcha o sistema de formación en liña para o persoal ao servizo das distintas administracións

Dom, 01/05/2011 - 12:09

A Xunta de Galicia reforza a capacitación lingüística da poboación adulta a través do Plan de Formación en Galego 2011. Este plan, posto en marcha pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, incide nas áreas de formación lingüística xeral e específica, no sistema de acreditación do coñecemento de galego (Celga); e mais na elaboración de materiais e recursos para a aprendizaxe do idioma.

A través do Plan de Formación en Galego 2011, cuxo orzamento ascende a dous millóns de euros, ofértanse un total de 193 cursos preparatorios para a probas Celga. Entre eles inclúense 144 cursos de programación directa (4 deles, en liña), 15 cursos a través das escolas oficiais de idiomas, 30 cursos para o exterior e 4 cursos a través do Instituto Cervantes. Tamén contempla dúas convocatorias anuais de probas para certificar o coñecemento de galego, unha delas para Galicia, resto de España e Europa, en xuño, e outra para América, en outubro. Así mesmo, no marco deste plan, actualizarase este ano a Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega.

Sistema de formación en liña para os traballadores públicos

O Plan de Formación en Galego 2011 supón unha aposta decidida pola innovación nos formatos de aprendizaxe, utilizando internet e as novas tecnoloxías para ofrecer un servizo adaptado ás demandas da cidadanía. Isto reflíctese en que, por vez primeira, a Xunta de Galicia ofrece este ano formación en liña para os traballadores das distintas administracións. Trátase dun total de 22 cursos, 18 de linguaxe administrativa galega e 4 de linguaxe xurídica galega. Ademais, tamén se inclúen outros 62 cursos na modalidade presencial. Así mesmo, o plan contempla a proposta dunha nova Orde que regule as linguaxes específicas.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística desenvolve 51 destes 84 cursos para os traballadores públicos en colaboración coa Escola Galega de Administración Pública, que ten como principal función a formación do persoal ao servizo da Administración galega. A través do Instituto Nacional de Administración Pública desenvólvense outros 8 cursos e os 25 restantes impárteos o profesorado das escolas oficiais de idiomas.

O plan tamén incide na formación para os formadores, entre os que se inclúen o profesorado colaborador da Secretaría Xeral de Política Lingüística, os lectores e lectores de galego e mais os coordinadores e membros dos equipos de dinamización da lingua galega dos centros educativos de Galicia. Do mesmo xeito, para contribuír á especialización na formación académica, profesional e investigadora, convócanse 6 novas bolsas de formación en proxectos do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, dependente da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

A formación en galego no exterior é outro dos aspectos que se inclúen no plan de formación. Por unha banda, durante este ano académico impartiranse aulas de lingua, literatura e cultura galegas en 30 universidades do mundo. Por outra, impulsarase a oferta formativa en centros educativos de fóra de Galicia, tanto no resto do Estado español como noutros países.

Recursos para favorecer a formación en galego

Por outra banda, co obxectivo de ampliar a oferta de materiais que faciliten e promovan o labor dos profesionais das distintas administración en galego, o plan de formación contempla a edición de novos manuais, entre os que se atopan o Manual de linguaxe administrativa media, oManual de linguaxe xurídica media eO abecedario da linguaxe clara.

Mellorar a comunicación da Administración coa cidadanía

Este último manual enmárcase, xunto con outras iniciativas, no proxecto “A linguaxe clara”, que busca promover unha comunicación clara e sinxela cos administrados para mellorar a xestión e favorecer a transparencia na prestación de servizos públicos.

A formación en galego, un obxectivo prioritario

A formación xeral e específica en lingua galega segue a constituír un obxectivo básico e prioritario da política lingüística da Xunta de Galicia. Porque cómpre que a sociedade coñeza a lingua galega para estar en disposición de usala en todo tipo de ámbitos de uso. Así mesmo, a  formación xeral e específica reforza a calidade da lingua utilizada e unha boa formación redunda na valoración social da lingua, polo que tamén axuda a prestixiar o idioma.

Declaracións do secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo