Gañadores da pasada edición do premio Nós tamén creamos! presentan a súa curta no Festival de Cans

A secretaría xeral de Política Lingüística, no marco da súa colaboración co famoso festival de cine, convida todos os anos os vencedores do seu certame de curtas de animación en galego na categoría de 3º e 4º de primaria a coñecer Cans e difundir alí o seu traballo

O secretario xeral de Política Lingüística e o director do festival acompañaron o alumnado do CEIP Mestre Rodríguez Xixirei de Santiago na súa visita

Ven, 25/05/2018 - 16:06
Gañadores da pasada edición do premio Nós tamén creamos! presentan a súa curta no Festival de Cans

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director do Festival de Cans, Alfonso Pato, acompañaron esta mañá o alumnado do CEIP Mestre Rodríguez Xixirei de Santiago de Compostela na súa visita ao XV Festival de Cans. Medio cento de rapazas e rapaces composteláns chegaron a esta festa do cine convidados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e pola propia organización do festival para presentaren a curta de animación en galego “A guerra dos números”, coa que gañaron a pasada edición do certame Nós tamén creamos!, inscrito no programa de dinamización lingüística homónimo, na categoría de 3º e 4º de primaria.

García Gómez incidiu na relevancia de “afacer os nenos e nenas a crear en galego empregando a linguaxe e os soportes audiovisuais que tan habituais van ser na súa vida cotiá”. Dirixíndose aos escolares, pediulles que “reparasen no moito que valoramos o voso traballo, tanto que vos propoñemos presentalo nun dos festivais de cine máis importantes de Galicia” e animou os escolares presentes “a seguir usando a nosa lingua para aprender e para divertirvos”.

Cans do Futuro

Os escolares do CEIP Mestre Rodríguez Xixirei de Santiago tiveron ocasión de presentar a súa curta “A guerra dos números” no agroglamouroso Festival de Cans. Ademais, percorreron as súas instalacions no xa famoso chimpín, viron diferentes curtas seleccionadas pola organización e conversaron coa directora Anxos Fazáns e co actor Antonio Durán “Morris”, que lles falaron dos segredos e complexidades do mundo do cine.

Todas estas actividades enmárcanse na sección Cans do Futuro, dirixida a escolares e destinada a darlles a coñecer de primeira man o festival de cine. Cans do Futuro vénse desenvolvendo desde o 23 de maio ata hoxe.

De feito, o pasado mércores, tamén convidado por Política Lingüística, acudiu a presentar os seus filmes na mesma sección o alumnado gañador do certame escolar REC.Curta, que promove Escolas Católicas co apoio da Secretaría.

Magín Blanco en Minicans

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora no desenvolvemento da XV edición do Festival de Cine de Cans a través da AGADIC e da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Esta última apoia dunha maneira especial as seccións dirixidas ao público máis novo, como Cans do Futuro e, xa o sábado, Minicans, na que colabora programando un concerto e unha retrospectiva de videoclips do famoso músico infantil Magín Blanco.

Nós tamén creamos!

'Nós tamén creamos!' é un programa de dinamización lingüística da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. Con este programa, no que colaboran a Corporación Radio e Televisión de Galicia e OQOeditora, escolares de educación infantil e primaria elaboran curtas de animación en galego que adaptan narracións literarias. O profesorado recibe materiais e formación para levaren adiante co seu alumando estes proxectos cinematográficos.

'Nós tamén creamos!' fomenta o uso do galego nos centros educativos en novos espazos e soportes; a innovación na aprendizaxe de linguas; a alfabetización audiovisual; unha relación positiva dos rapaces e rapazas coa lingua galega; a lectura e a creatividade no idioma propio de Galicia e a presenza do galego en Internet. Nas próximas semanas resolverase unha nova edición do concurso para curtas de animación elaboradas coa técnica stop-motion que cada ano se convoca no marco deste programa de dinamización lingüística.

Menús News node R