Cultura e Velgalsa-Eroski presentan a campaña letras galegas 2018

A compañía galega de distribución alimentaria e a Secretaría Xeral de Política Lingüística renovan a súa colaboración para festexar o 17 de maio desde o ámbito socioeconómico

María Victoria Moreno encherá os Eroski Center, Autoservizos Familia e Hipermercados Eroski con carteis e bolsas conmemorativas desde hoxe

Lun, 14/05/2018 - 20:46
Cultura e Velgalsa-Eroski presentan a campaña letras galegas 2018

A Consellería de Cultura e a compañía galega de distribución alimentaria Vegalsa-Eroski poñen en marcha por oitavo ano consecutivo a campaña Letras Galegas 2018, que encherá os Eroski Center, Autoservizos Familia e Hipermercados Eroski con medio milleiro de carteis e dous millóns de bolsas conmemorativas da autora homenaxeada polas Letras Galegas, María Victoria Moreno Márquez. A iniciativa, que implica o ámbito socioeconómico na celebración do 17 de maio, arrancou oficialmente hoxe en Vilalonga, a poucos metros do IES no que a homenaxeada impartiu aulas, cun acto no que participou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

Vegalsa-Eroski, exemplo de compromiso coa lingua desde a RSE

“Arrancamos a semana grande das Letras facendo extensiva a celebración e as accións de dinamización do galego a un dos ámbitos máis importantes para a promoción social do idioma: o da empresa e o comercio”, sinalou o secretario xeral, quen felicitou a Vegalsa-Eroski “pola súa traxectoria como referente do uso da lingua propia na etiquetaxe, na rotulación, na publicidade e na información ao consumidor; polo seu compromiso co galego desde a súa actividade empresarial, un compromiso que visibiliza e reforza desde as accións de responsabilidade e innovación social que desenvolve”.

Canda el, participaron no acto a directora de Relacións Institucionais e RSE da compañía, Gabriela González; a concelleira de Educación, Cultura e Xuventude, Paz Lago; o académico da lingua galega Xesús Ferro Ruibal; o director da liña de negocio Eroski/Centre e Hipermercados e Gasolineiras, Florentino Vázquez; e o director de Márketing, Julián Hernández.

Carteis e bolsas para conmemorar as Letras Galegas

Unha tirada de 500 exemplares da lámina titulada “A prol da igualdade”, das dez que integran a mostra “Victoria Moreno, mestra con alma” coa que o CEIP Xesús San Luís Romero de Carballo (A Coruña) se fixo este ano co Premio do Concurso-Exposición Letras Galegas 2018, e dous millóns de bolsas de edición especial contribuirán a visibilizar a celebración das Letras Galegas desde a cesta da compra dos establecementos Eroski Center, Autoservizos Familia e Hipermercados Eroski.

Trátase dunha acción que Vegalsa-Eroski engloba no seu compromiso cos atributos propios de Galicia, que teñen no idioma propio un dos seus máximos expoñentes, e que conta un ano máis coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Menús News node R