Política Lingüística modifica as datas de realización das probas de acreditación do Celga

Os exames oficiais celebraranse os días 26 e 27 de maio e 2, 3, 9 e 10 de xuño en Santiago de Compostela e en Ponferrada

O elevado número de persoas inscritas nos niveis 3 e 4 obriga a reorganizar e ampliar o calendario previsto na convocatoria do 6 de marzo

As persoas que desexen renunciar á súa inscrición poderán recuperar as taxas aboadas

Ven, 11/05/2018 - 11:55

A Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180509/AnuncioG0164-030518-0008_gl.html ) a modificación do calendario de realización das probas CELGA.  Os exames, previstos inicialmente para os días 26 e 27 de maio (Celga 4 e Celga 2, respectivamente) e 2 e 3 de xuño (Celga 3 e Celga 1, respectivamente) en Santiago de Compostela e en Ponferrada modifícanse do seguinte xeito:

- Celga 4: exame escrito o sábado 26 de maio e exame oral o mesmo día (como estaba previsto) con ampliación do exame oral ao domingo 27 (distribución por apelidos das persoas candidatas, que se darán a coñecer na publicación das listaxes definitivas).

- Celga 3: exame escrito o sábado 2 de xuño e exame oral o mesmo 2 (como estaba previsto) con ampliación do exame oral ao domingo 3 (distribución por apelidos das persoas candidatas, que se darán a coñecer na publicación das listaxes definitivas).

- Celga 2: exame escrito e oral o sábado 9 de xuño (non o 27 de maio como estaba previsto).

- Celga 1: exame escrito e oral o domingo 10 de xuño (non o 3 de xuño como estaba previsto).

O elevado número de persoas inscritas nos niveis 3 e 4 obriga a reorganizar e ampliar o calendario previsto na convocatoria do 6 de marzo. As persoas que desexen renunciar á súa inscrición, sempre e cando o fagan antes da publicación da relación de persoas admitidas e excluídas, prevista para o vindeiro 15 de maio- poderán solicitar a devolución das taxas aboadas no prazo de dous meses a partir da publicación da devandita resolución. Toda a información no Portal da Lingua Galega www.lingua.gal. e nos teléfonos 881 996 313/310.

Menús News node R