Política Lingüística e Renfe poñen en marcha a campaña Letras Galegas 2018

O secretario xeral de Política Lingüística e o delegado territorial da Coruña presentaron hoxe pola mañá na estación de ferrocarril herculina as iniciativas deseñadas en colaboración con Renfe con motivo do 17 de maio

13 trens de media distancia e Avant levarán nos seus repousacabezas a imaxe institucional das Letras Galegas 2018 da Xunta, distribuiranse folletos biobibliográficos sobre María Victoria Moreno e 10 estacións, ademais de trens, exhibirán os carteis do Concurso-Exposición Letras Galegas

Mér, 09/05/2018 - 21:38
Política Lingüística e Renfe poñen en marcha a campaña Letras Galegas 2018

A Consellería de Cultura, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e Renfe Viajeros poñen en marcha por segundo ano a campaña Letras Galegas 2018 na que colaboran, no marco da programación institucional promovida pola Xunta de Galicia. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o delegado territorial Ovidio Rodeiro presentárona hoxe na estación de ferrocarril da Coruña, onde lle agradeceron aos representantes de Renfe “a colaboración para facer extensiva a celebración do 17 de maio ao sector desta importante rede de transportes, que favorecerá tamén a unión das persoas usuarias coa lingua galega para homenaxear a María Victoria Moreno e visibilizar o idioma” e incidiron na importancia de “implicar tanto as entidades públicas empresariais como as privadas na dinamización do idioma desde as súas accións de responsabilidade e innovación social”.

No acto de presentación participaron tamén Enrique Fonte e Alberto Martínez, xerente do Servizo Público de Renfe e xefe da Área Comercial de Renfe, respectivamente.

Repousacabezas, carteis e libros para festexar o 17 de maio

Entre as accións deseñadas, loce a imaxe institucional das Letras Galegas 2018 da Xunta nos repousacabezas de 13 trens que realizan os servizos de media distancia e Avant, para visibilizar esta campaña e o 17 de maio; exhíbense os carteis que configuran os proxectos escolares gañadores do Concurso-Exposición Letras Galegas 2018, convocado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, nos propios trens e tamén nas estacións das sete cidades, de Vilagarcía de Arousa e de Monforte de Lemos; e distribuiranse folletos biobibliográficos sobre María Victoria Moreno entre as persoas viaxeiras, para dar a coñecer a súa figura, vida e obra.

Trátase tamén da segunda vez na que Renfe pon en marcha na súa rede de transporte ferroviario unha acción vencellada á autora das Letras Galegas 2018. xa que, en 1993, Caixa Galicia e Renfe editaron O libro das saudades e os degoiros, no marco do certame V Tren Caixa Galicia-Ruta Rosalía, co que María Victoria quixo animar a mocidade a ler, a través do bibliotecario Zaratustra, que lle axuda a un mozo a coñecerse mellor a el mesmo por medio da lectura e dos libros.

Menús News node R