A Consellería de Cultura e Educación convoca os premios de fin de carreira

O departamento educativo da Xunta de Galicia destina 222.000 euros a estes galardóns, que recoñecen a excelencia do alumnado que rematou os seus estudos no ano 2017

Mér, 09/05/2018 - 10:41

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica hoxe a convocatoria dos premios fin de carreira para o alumnado que rematou os seus estudos universitarios no ano 2017 nas universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG). O departamento educativo da Xunta de Galicia destina a esta convocatoria un orzamento de 222.000 euros; mentres que cada un dos galardoados acadará un premio de ata un máximo de 3000 euros e un diploma acreditativo.

Como novidade este ano, o número de premios virá determinado polo número de persoas egresadas na mesma titulación. Deste xeito, aquelas con ata 199 persoas egresadas optarán a un premio, as que teñan entre 200 e 299 a dous e as que conten con 300 ou máis persoas optarán a tres premios. O número de persoas en cada titulación estará verificado pola certificación emitida polos servizos administrativos das universidades do Sistema universitario de Galicia.

Poderá solicitar estas axudas o alumnado universitario que cursara de forma íntegra os estudos da titulación universitaria pola que opta ao premio nas universidades do SUG, e que teña acadado unha puntuación media no seu expediente académico igual ou superior a 8'5 puntos, para o alumnado das ramas de coñecemento de Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, Ciencias e Ciencias da Saúde; e 7'5 puntos, para o alumnado da rama de Enxeñaría e Arquitectura. Os requerimentos e forma de presentación de solicitudes poden consultarse no Diario Oficial de Galicia de hoxe, no enlace https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180509/AnuncioG0164-270418-0004_gl.html .

Estes galardóns teñen como finalidade recoñecer o traballo, esforzo e excelencia das mellores traxectorias académicas dos estudantes das universidades galegas. Así, ademais do premio económico, os galardoados recibirán un diploma acreditativo desta distinción, o que supón un importante recoñecemento institucional e un valor engadido para o seu currículo.