O conselleiro de Educación asiste á presentación da Vermont Academy en Santiago de Compostela

Xesús Vázquez Abad recordou que a institución académica escolleu Galicia como o primeiro punto para a súa expansión fora de Estados Unidos

Ven, 29/04/2011 - 11:45
O conselleiro de Educación asiste á presentación da Vermont Academy en Santiago
O conselleiro de Educación asiste á presentación da Vermont Academy en Santiago de Compostela

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asistiu esta mañá á presentación do campus da Vermont Academy, celebrada no mosteiro de San Martín Pinario, en Santiago de Compostela. No acto tamén estiveron presentes o director da Vermont Academy, Sean Brennan; e o director de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal.

Está é a primeira experiencia da institución académica estadounidense; fundada nos anos sesenta en Vermont, Nova Inglaterra, fora das súas fronteiras. Este é un fito que o conselleiro destacou ao sinalar no seu discurso que “empeza o seu desembarco en Europa por España e, máis concretamente, por Galicia”.

Neste punto Vázquez Abad engadiu que “as bases da Vermont Academy, son a honestidade, a confianza, o respecto e a responsabilidade. Valores que comparte a Consellería de Educación e que poden ser considerados como os eixes prioritarios da actual política educativa galega”.

O programa

Cómpre destacar que está a piques de rematar, en Santiago de Compostela, a estadía de case tres meses de quince estudantes da Vermont Academy. Durante a súa estancia en Galicia estiveron a mellorar competencias lingüísticas grazas á convivencia coas familias que os acolleron e a asistencia a clases de física e química. Ademais realizaron múltiples excursións tanto en Galicia como as visitas a Madrid, Barcelona e París, así como actividades deportivas da máis diversa índole que incluíron rafting e vela.

Durante a súa intervención o conselleiro destacou que esta apertura constitúe o encontro de culturas distintas e que isto “aporta sempre coñecementos que non se atopan nos libros. É a experiencia- concluiu- da realidade fronte ao coñecemento a través da teoría”.