O conselleiro de Educación inaugura en Santiago a Xornada de equipos directivos dos centros de FERE

Xesús Vázquez Abad deu a benvida a todos os asistentes a un encontro que xirará en torno aos novos retos da función directiva

Ven, 29/04/2011 - 11:42
O conselleiro de Educación inaugura en Santiago a Xornada de equipos directivos
O conselleiro de Educación inaugura en Santiago a Xornada de equipos directivos dos centros de FERE

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asistiu esta mañá á inauguración da Xornada de equipos directivos dos centros de FERE (Federación Español de Relixión na Ensinanza) de escolas católicas que se celebra durante todo o día no Colexio Maior Xelmírez de Santiago de Compostela. No acto tamén estivo presente o director de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal.

Durante a súa intervención o conselleiro destacou que “a ninguén se lle escapa a importancia do liderado escolar en relación á mellora dos resultados académicos. O obxectivo é tratar de conseguir a excelencia. E o reto, logralo facendo que a enerxía individual se transforme en forza colectiva”. Asemade engadiu que “familias e educadores deben percorrer xuntos un  camiño que pasa por ensinar o esforzo persoal e fomentar a equidade. Só deste xeito atoparemos a vía pola que unha educación de calidade nos axude a saír da crise”. Vázquez Abad tamén dixo que “o esforzo persoal e colectivo permitirán educar en liberdade e formar o sentido da responsabilidade, da obriga de estudar e do afán de superarse, imprescindibles para que o noso alumnado sexa o futuro que necesitamos”.

O programa

Tras a inauguración oficial  comezou o encontro que xirou en torno aos novos retos da función directiva e como xestionar o traballo en equipo. Así no primeiro relatorio, Juan Antonio Ojeda Ortiz, secretario xeral de escolas católicas; falouse sobre os obxectivos, a participación e pertenza máis ala da empresa. Posteriormente realizouse unha mesa redonda sobre “A xestión dos recursos humanos. O novo marco laboral”, e a continuación falou sobre o estilo e competencias de liderazgo nos equipos directivos segundo Aurelio Villa Sánchez, ex-vicerreitor de innovación e calidade da Universidade de Deusto.

Xa pola tarde participará Gabriel Cortina de La Concha, consultor de estratexias de comunicación, que falará de “A comunicación interna, horizontal, vertical e outras oportunidades”. Finalmente o encontro será pechado por Ignacio Lascaray San Juan, do Instituto Superior de Intelixencia Emocional, que falará de “Cómo xestionar o estres laboral. Da ansiedade á tensión positiva”. Este encontro ven de celebrarse en Murcia, Madrid, Córdoba, e Valencia. Asemade ao longo do 2011 tamén está programado en Zaragoza e as Palmas de Gran Canaria.