A Xunta e a Asociación Asistencial TDAH Salnés colaborarán na atención do alumnado con este trastorno

Lun, 07/05/2018 - 13:58
A Xunta e a Asociación Asistencial TDAH Salnés colaborarán na atención do alumnado con este trastorno

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e a presidenta da Asociación Asistencial TDAH Salnés, Mª Lourdes Sanz Villanueva, asinaron hoxe un convenio de colaboración nas accións e actividades dirixidas á mellora da atención educativa ao alumnado con Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade (TDAH).

Ao abeiro deste acordo a Consellería comprométese a promover a colaboración da Asociación nas accións relativas á atención da diversidade no marco do deseño de accións de formación do profesorado. Así mesmo, ambas as entidades traballarán en conxunto na sensibilización e difusión de materiais e documentos  que permitan un maior coñecemento das circunstancias específicas asociadas ao alumnado con este trastorno.

Ademais, o persoal profesional da Asociación poderá prestar o seu apoio nos centros de ensino –se estes así o demandan–, en cuestións como o asesoramento na atención educativa ao alumnado con TDAH, a orientación sobre metodoloxías axeitadas á intervención educativa nestes escolares ou a información e formación naqueles aspectos que os persoal dos centros docentes requira.

Este convenio súmase ás colaboracións que a Consellería mantén con diversas entidades para a mellora da atención educativa tales como, por exemplo a recentemente asinada coas fundacións María José Jove e INGADA para a formación do profesorado na atención ao alumnado con Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade (TDAH).

Este tipo de acordos contribúen, ademais, á correcta aplicación do Protocolo de consenso sobre TDAH na infancia e na adolescencia nos ámbitos educativo e sanitario, publicado en 2014, que foi o primeiro documento deste tipo elaborado conxuntamente polos servizos educativos e sanitarios, buscando unha intervención integral.