María Victoria Moreno inaugura a nova serie audiovisual dos Bolechas e as Letras Galegas

'As miñas primeiras Letras Galegas. Os Bolechas' dedícanlle o seu noveno volume á autora anfitrioa deste 17 de maio, coa que dará comezo na semana das Letras Galegas unha nova serie infantil inspirada nas figuras homenaxeadas pola RAG que se poderá ver no Xabarín Club

O secretario xeral de Política Lingüística participou hoxe á mañá na presentación

Mér, 02/05/2018 - 18:19
María Victoria Moreno inaugura a nova serie audiovisual dos Bolechas e as Letras Galegas

María Victoria Moreno Márquez, autora homenaxeada polas Letras Galegas 2018, inaugura a nova serie audiovisual dos Bolechas e as Letras Galegas, un proxecto promovido por Bolanda Edicións co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, de Caixa Rural Galega e da Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG). A estrea deste primeiro capítulo, dunha serie de sete que se poderán ver a partir da semana do 17 de maio no Xabarín Club, celebrouse hoxe na sede da RAG coincidindo co acto de presentación do noveno volume da colección As miñas primeiras Letras Galegas. Os Bolechas, tamén dedicado á autora.

“María Victoria destacou na literatura infantil e xuvenil galega e tivo un compromiso coa lingua e coa infancia que coñecen ben Os Bolechas, referentes galegofalantes da cativada sen parangón, tanto a través da televisión coma dos libros, para achegar o idioma e as figuras que contribuíon ao longo da historia a estarmos orgullosos da nosa lingua e das nosas letras, cada 17 de maio e cada día”, sinalou o secretario xeral de Política Lingüística durante a presentación.

No acto participaron tamén o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; o director de Bolanda Edicións, Antonio Couto; o director de Mercadotecnia de Caixa Rural Galega, José Manuel López Marcos; o director de Proxección Social da CRTVG, Xaime Arias; así como alumnado e profesorado do CEIP coruñés Cidade Vella.

Co gallo das Letras Galegas 2018 edítanse o volume e a peza audiovisual inspirada na autora, nomeadamente no seu primeiro libro Mar adiante (1973) e nunha escola barco. Como en cada un dos volumes da colección infantil, a historia de Pepe Carreiro dá conta da biografía da autora e ofrece ao final un minidicionario pensado para facilitar a comprensión do texto e a aprendizaxe dun xeito lúdico e didáctico.

Menús News node R