A Consellería de Educación e a Fundación Centro Oncolóxico Rexional de Galicia seguirán colaborando na promoción das ensinanzas de formación profesional de radioterapia

O Consello da Xunta deu o visto e prace do convenio polo cal a fundación pon á disposición dos estudantes as súas instalacións e profesorado

Xov, 28/04/2011 - 17:29

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Fundación Centro Oncolóxico Rexional de Galicia José Antonio Quiroga y Piñeyro continuarán o vindeiro curso a colaborar na impartición das ensinanzas de ciclo de grao superior de FP en radioterapia, a través da sinatura dunha addenda ao convenio de cooperación, á cal deu hoxe o visto e prace o Consello da Xunta

Ao abeiro deste convenio, as alumnas e alumnos que estean a cursar este ciclo no CIFP Ánxel Casal Monte-Alto (A Coruña) desenvolverán os módulos de Fundamentos e técnica de tratamentos de teleterapia, e Fundamentos e técnica de braquiterapia nas instalacións especiais da Fundación, das que non dispón o centro dependente da Consellería de Educación. Así mesmo, a Fundación Centro Oncolóxico Rexional de Galicia achegará o profesorado especialista necesario para a impartición destas ensinanzas.

Optimización dos recursos

Coa sinatura da addenda a este convenio para o vindeiro ano académico, dáse continuidade a unha colaboración iniciada no curso 2007/2008, co obxectivo de dar cumprimento ao principio constitucional que garante o dereito de todas e todos á educación. Así, ponse á disposición do alumnado galego uns estudos que, doutra forma, non poderían cursar no sistema educativo público, ao non existir instalacións oportunas para impartir en centros educativos públicos os devanditos módulos do ciclo formativo de grao superior de radioterapia.

Deste xeito, a Consellería de Educación demostra o seu esforzo por achegar a mellor oferta educativa ás galegas e galegos, sempre no marco do ensino público, ao alcance de toda a cidadanía. Ademais, a Xunta leva a cabo un aproveitamento óptimo dos recursos dispoñibles, polo que se require a integración de esforzos e mutua colaboración entre a Administración educativa e os organismos e institucións dispostos a prestar a súa colaboración nas ensinanzas de FP