A Xunta de Galicia incentivará ao profesorado para que desenvolva novos contidos educativos dixitais

A iniciativa enmárcase no proxecto ABALAR, a estratexia de integración das TIC no ensino que están a desenvolver a Consellería de Educación e a Secretaría Xeral de Modernización

Xov, 28/04/2011 - 11:09

O profesorado galego poderá optar este ano a galardóns polo desenvolvemento de novos contidos educativos con entidade dixital, grazas á convocatoria de premios ao profesorado que traballe neste tipo de contidos. Esta convocatoria vense de publicar, xunto coa resolución pola que se establecen as bases reguladoras da concesión deste recoñecementos, no marco do Proxecto ABALAR, a estratexia de integracións das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) no sistema educativo que están a desenvolver a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.

A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, dentro do programa de ‘Axudas para o desenvolvemento da sociedade da información’, é a encargada de dotar economicamente estes incentivos, nos que se recoñecerá a calidade de contidos accesibles mediante medios electrónicos e interactivos.

Modalidades

Os traballos presentados deberán referirse aos cursos nos que se implantou este ano o Proxecto Abalar e a aqueles nos que se vai implantar o vindeiro curso, 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º da ESO. Para estes dous cursos de Primaria establécense 4 modalidades, relativas as áreas de Coñecemento do Medio Natural, Social e Cultural, Lingua Galega e Literatura,  Matemáticas ou Educación Física e Educación Artística. No caso do primeiro ciclo da ESO hai 6 modalidades convocadas, arredor das áreas de Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, Ciencias da Natureza,  Educación Plástica e Visual, Lingua Galega e Literatura e Lingua Castelá e Literatura.

Nota aclaratoria:

No primeiro ciclo da ESO, a materia de Ciencias Sociais, Xeografía e Historia está repartida en dúas modalidades de premios 1.Ciencias Sociasis e 2. Xeografía e Historia

Para cada unha das modalidades anteditas establécense un primeiro premio de 4.500 €, un segundo premio de 3.500 euros, un terceiro premio de 3.000 € e nove cuartos premios de 1.000 euros.

Os formularios de solicitude pódense cubrir e obter por vía telemática na seguinte páxina: http://www.xunta.es/apps/axudas/login.do?cod_cons=PR&cod_proc=522B

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (6 de abril), para as axudas á produción e publicación de materiais educativos, e de tres meses para os premios ao desenvolvemento de novos contidos educativos.