As obras de ampliación do CEIP Laverde Ruíz, en Outeiro de Rei, comezarán este verán
O conselleiro Román Rodríguez mantivo unha reunión de traballo co equipo directivo do centro para dar a coñecer a actuación que suporá a creación de 8 novas aulas de primaria, e cuxo investimento ascende a 1 millón de euros
Á xuntanza tamén asistiron o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, e o alcalde da localidade, José Pardo
A Consellería de Educación está ultimando adxudicación da ampliación do CEIP Laverde Ruíz, en Outeiro de Rei, cuxas obras comezarán este verán e suporán 1 millón de euros de investimento.
Así llo trasladou esta semana o conselleiro Román Rodríguez ao equipo directivo do centro, nunha xuntanza de traballo que tivo lugar nas instalacións do propio colexio e á que tamén asistiron o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, e o alcalde da localidade, José Pardo.
Román Rodríguez sinalou que, con esta nova ampliación, o seu departamento está atendendo as necesidades educativas deste concello, e dando unha solución ao incremento de demanda rexistrada nos últimos anos neste centro escolar.
Precisamente, tendo en conta o incremento no número de alumnos, nos anos 2014 e 2015 ampliouse o aulario de infantil con 3 novas aulas. Este aumento de alumnado de infantil trasládase agora a primaria para o vindeiro, polo que é necesario ampliar o edificio de primaria nunha planta máis ata completar a liña dúas, e dicir, dúas aulas por grupo.
Descrición das obras
Os técnicos da consellería explicaron que a actuación abrangue a demolición da cuberta do edificio principal para construír unha segunda planta na que habilitar oito aulas máis, despacho e aseos adaptados, nunha superficie de 806 metros cadrados.
Xunto coa suma dunha segunda planta, o outro gran cambio do edificio xurdirá da nova formulación da cuberta, que cubrirá completamente o patio interior, sobreelevada esta sobre a cuberta dos espazos educativos, xerando un lucernario perimetral que evitará que se reduza a iluminación na zona central. Os ventanais de peche dos corredores cara ao patio substituiranse por varandas, transformando o patio nun espazo comunicado e aberto.
O proxecto obriga a modificar tamén outras dotacións, como o incremento de medidas de protección contra incendios, para o que se construirá unha escaleira exterior de seguridade e bocas de incendio equipadas en cada planta e no exterior.
Na planta baixa reordenaranse espazos para ampliar o corredor que conduce ao polideportivo e zonas de xogo, cunha baixada ao exterior con escaleira e rampla adaptada, reorganizaranse os aseos e ampliarase a sala de profesores.
No que respecta ao equipamento, tamén se instalará unha nova caldeira de gasoil, procurando un mellor control e rendemento do sistema, así como tomas informáticas de voz e datos e todos os servizos necesarios.