Román Rodríguez visita o CEIP As Mercedes, no que educación acaba de investir 412.000 euros

Na súa visita a Lugo, o conselleiro anunciou que esta mesma semana se procederá á adxudicación da redacción do proxecto de construción do novo edificio do CEIP Sagrado Corazón

Lembra que Consellería está facendo un importante esforzo inversor no ámbito educativo en Lugo, coa mobilización de arredor de 20 millóns de euros nos últimos anos, 14 para o ensino non universitario e 6 para o ensino universitario

Mar, 03/04/2018 - 13:27
Román Rodríguez visita o CEIP As Mercedes, no que educación acaba de investir 412.000 euros

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou hoxe o CEIP As Mercedes, onde comprobou in situ o resultado das obras levadas a cabo neste centro, no que o seu departamento investiu uns case 412.000 euros co fin de mellorar as instalacións e a accesibilidade do centro.

As obras neste colexio consistiron na construción dunha segunda planta do edificio, que ata o momento dispoñía de planta baixa e primeira planta. Isto permitiu habilitar catro novas aulas de primaria, unha de recursos e aseos. A superficie útil ampliada foi de 342,95 metros cadrados, con aulas de entre 52 e 57 metros cadrados e a de recursos de 10,40 metros cadrados. Outro dos aspectos a destacar é a adecuación do edificio á normativa de accesibilidade, coa instalación dunha rampla de acceso, un ascensor e un aseo adaptado.

Froito desta ampliación -que pon á disposición novos espazos- este mesmo verán vaise acometer unha reorganización e ampliación do comedor e das aulas de infantil. Isto é, trasladarase o comedor á planta baixa do edificio e aproveitarase o local agora destinado a tal fin para reacondicionar dúas aulas de infantil que se atopaban noutro edificio separadas do resto das aulas desta etapa. Trátase dunhas obras que supoñen un investimento aproximado de 30.000 euros e realizaranse con cargo ás obras RAM (Reforma, Ampliación e Mellora) da Xefatura Territorial de Lugo para 2018.

O conselleiro -que estivo acompañado do delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro- subliñou a importancia desta obra para dar servizo educativo na zona sur da cidade xa que deste xeito, se cobren as necesidades de demanda que se están producindo, sobre todo logo da implantación de dúas liñas de educación infantil neste centro.

Así mesmo recalcou que o seu departamento ten un compromiso explícito coa mellora educativa en Lugo, que se reflicte nun importante esforzo inversor neste ámbito, coa mobilización de arredor de 20 millóns de euros nos últimos anos. Un investimento que se reparte entre o ensino universitario, ao que se lle dedican 6 millóns, e o ensino non universitario, que recibe 14. Acometendo obras de grande envergadura, como é o caso do CIFP As Mercedes.

CEIP Sagrado Corazón

A maiores, dentro das actuacións máis salientables, o conselleiro anunciou que esta mesma semana se vai adxudicar o proxecto de construción do novo edificio do CEIP Sagrado Corazón, que suporá mobilizar uns 4 millóns de euros en dúas fases.

O novo CEIP Sagrado Corazón será de liña 2 (18 unidades, 450 alumnos) e dará servizo ao alumnado do barrio Sagrado Corazón e o seu contorno, asumindo a zona de influencia do CEIP existente e, ademais, aos futuros escolares residentes nas novas vivendas que xurdirán como consecuencia do desenvolvemento dos novos polígonos de uso residencial previstos no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).

Así, contémplase a construción de 6 aulas de educación infantil con aseos incorporados cada dúas aulas, 12 de educación primaria, ademais de 4 de apoio educativo e desdobramento de grupos, aulas de música e informática, biblioteca e ximnasio.  Ademais disporase de zona de administración e servizos comúns, así como dun comedor con office para catering. Na segunda fase executaranse os equipamentos deportivos, cunha pista polideportiva cuberta de estrutura lixeira facilmente desmontable, pista descuberta, patios e espazos libres. En total estímase necesaria unha construción de en torno a 3.000 m² de superficie.