O aumento do prestixio social do galego, un obxectivo prioritario para a Política Lingüística da Xunta en 2011
As accións dos próximos meses irán destinadas a favorecer un maior uso, máis proactividade, máis funcións e máis coidado para o idioma
Con este fin, porase en marcha este ano un programa para avanzar na calidade da lingua, segundo anunciou hoxe o secretario xeral de Política Lingüística
Fíxoo na presentación da memoria de actividade de 2010 do seu departamento, na que se recollen máis dun cento de actuacións desenvolvidas ao abeiro do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega
O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, presentou esta mañá en rolda de prensa o balance de actividade realizada en 2010 pola Xunta de Galicia en materia de promoción da lingua galega e mais as principais liñas de actuación da secretaría xeral para este ano.
Neste marco de actuacións para os próximos meses, o secretario xeral anunciou a posta en marcha dun programa que busca “avanzar na calidade da lingua”, co obxectivo de “favorecer un maior uso, máis proactividade, máis funcións e máis coidado para o idioma, o que suporá tamén máis prestixio para o galego”, asegurou.
Segundo explicou, as iniciativas deste programa servirán para traballar a calidade na forma e tamén a calidade na aprendizaxe. Para isto, xa está programado un completo plan de formación, que se presentará proximamente. Así mesmo, vanse centrar novos esforzos “nun aspecto fundamental para o futuro do galego e para o mantemento da autenticidade lingüística: os usos orais de calidade”, explicou Anxo Lorenzo. Ao fío disto, avanzou que se presentará en breve “a locución dun amplo vocabulario da lingua galega”, nun proxecto co Instituto da Lingua Galega. Nesta liña de dotación de recursos para avanzar na calidade da lingua, tamén se poñerán ao dispor da cidadanía novas ferramentas informáticas para reforzar a corrección na lingua escrita.
Un plan de actuación para as empresas
Durante a rolda de prensa, o secretario xeral puxo de manifesto que a dinamización da lingua galega no ámbito socioeconómico será outra das liñas principais de actuación. Co fin de avanzar nesta dirección, a secretaría xeral iniciará nos vindeiros meses un plan de actuación no espazo das empresas para favorecer a progresiva incorporación do idioma como un elemento de referencia na responsabilidade social corporativa.
Novos formatos para os máis pequenos
As iniciativas para alentar a transmisión interxeracional do galego contarán este ano con importantes novidades. Nesta liña, o programa Axóuxeres, dirixido aos cativos e ás súas familias, adquirirá unha nova dimensión audiovisual, para o que a secretaría xeral contará coa colaboración da Televisión de Galicia, segundo explicou Anxo Lorenzo.
Máis coordinación e diálogo entre institucións
Para lograr novos avances efectivos na dinamización do uso do galego, a secretaría xeral aposta polo apoio transversal e decidido das institucións. Esta é a dirección na que camiñan a Rede de Dinamización Lingüística e a Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística, que a secretaría xeral activará este ano en colaboración coas universidades galegas para favorecer a promoción do uso do idioma desde o espazo académico.
Balance de 2010: posta en marcha de máis de 100 medidas do PXNLG
Por outra banda, Anxo Lorenzo presentou durante a rolda de prensa a publicación que recolle o balance das iniciativas desenvolvidas pola Secretaría Xeral de Política Lingüística durante o pasado ano, que se traduciron na posta en marcha de “máis de 100 medidas do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG)”.
A creación da Rede de Dinamización Lingüística, para instaurar un sistema de xestión lingüística planificado e coordinado desde o ámbito local, foi unha das principais iniciativas levadas a cabo pola secretaría xeral en 2010.
Ademais deste traballo de relación institucional cos concellos e outras entidades con responsabilidade en promoción da lingua, a secretaría xeral desenvolveu unha intensa actividade de difusión e promoción social do galego. Este labor concretouse no apoio e reforzo ás iniciativas para promover o galego entre as franxas de idade máis novas, nos máis de 300 cursos Celga e de linguaxes específicas para favorecer a competencia en galego por parte da poboación adulta, na difusión exterior da lingua galega a través, principalmente, dos centros de estudos galegos, e na tarefa de investigación lingüística, impulsada polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e no marco de colaboración coa Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega.
A memoria de actividade de 2010 está accesible desde o enderezo electrónico http://www.xunta.es/linguagalega/memoria_de_actividade_2010.
Declaración de Anxo Lorenzo