'Repensar Galicia. As Irmandades da Fala' recompila as actas do simposio homónimo

O volume ofrece en diferentes artigos os contidos do encontro que acolleu en novembro de 2016 o Museo do Pobo Galego con motivo do Centenario das Irmandades da Fala

O secretario xeral de Política Lingüística participou en Santiago na presentación desta publicación de gran valor histórico e divulgativo

Xov, 15/03/2018 - 20:15

O volume Repensar Galicia. As Irmandades da Fala, coeditado polo Museo do Pobo Galego e a Xunta de Galicia, recompila as actas do simposio homónimo, celebrado en Santiago de Compostela do 17 ao 19 de novembro do ano 2016 como peche aos actos conmemorativos do Centenario das Irmandades da Fala.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe na compostelá Librería Couceiro no segundo acto de presentación desta publicación, no que recordou que “a acción política, cultural e lingüística das Irmandades implicou un importante punto de inflexión en moitos ámbitos -nomeadamente no dos usos formais e públicos da lingua galega- e sentou as bases da posterior consolidación de singularidades que chegarían aos nosos días”.

A publicación ofrece en diferentes artigos os contidos do encontro en San Domingos de Bonaval, de gran valor histórico e divulgativo por actualizar estudos previos e servir de marco de análise e de debate sobre a significación das Irmandades na evolución do pensamento, das ciencias, da literatura e das artes de Galicia, así como a súa incidencia na dinámica política dun período de especial relevancia no seo do Estado español.

A canda o titular de Política Lingüística, participaron na presentación Justo Beramendi, presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego; Uxío-Breogán Diéguez e Xosé Manuel González Reboredo, editores literarios da obra, xunto co propio Beramendi, Carme Fernández e Pilar García Negro.

Menús News node R