O Ramón Piñeiro conmemora os seus vintecinco anos en activo

O secretario xeral de Política Lingüística e o coordinador científico adiantaron hoxe o programa de actos que se desenvolverán de marzo a novembro para celebrar os cinco lustros de investigación científica do centro adscrito á Xunta de Galicia

Cinco xornadas darán a coñecer a súa historia, a transcendencia dos seus estudos e a súa centralidade no eido da investigación en humanidades acreditada nos legados do alemán Jürgen Untermann e dos galegos Aníbal Otero e Elixio Rivas

Xov, 15/03/2018 - 19:09
O Ramón Piñeiro conmemora os seus vintecinco anos en activo

O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH) conmemorará neste 2018 os seus 25 anos en activo cun programa de actos que se desenvolverán de marzo a novembro na súa sede e que, por medio de cinco xornadas temáticas, darán a coñecer a súa historia, a transcendencia dos seus estudos lingüísticos e literarios e a súa centralidade no eido da investigación en humanidades, acreditada nos legados dos que é depositario.

“O Ramón Piñeiro conmemorará cinco lustros como centro de referencia na investigación lingüística e literaria do galego que nos brindaron a todos os galegos a posibilidade de entendermos cunha maior profundidade o contorno no que vivimos, afondar no coñecemento propio, do noso pasado e das posibilidades de proxectar cara ao futuro a nosa identidade. Unha identidade na que a lingua ten un papel fundamental como elemento que nos une e nos define”, sinalou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, na rolda de prensa de presentación na que deu a coñecer o programa, acompañado polo coordinador científico do centro, Manuel González.

“Os proxectos do Piñeiro son tamén, en moitos casos, fundamentais para que o buque insignia da identidade galega, a lingua propia de Galicia, se mostre á sociedade como unha ferramenta útil para a vida moderna, como por exemplo os proxectos de terminoloxía ou de síntese de voz; grazas a eles, camiñamos tamén no sentido de lles dar cumprimento aos obxectivos estratéxicos deseñados no Plan xeral de normalización da lingua galega. Todo coa finalidade de gañar, como dixo o propio Ramón Piñeiro, a batalla do futuro”, concluíu.

Conferencia de apertura a cargo de Darío Villanueva

O programa de actos intégrano cinco citas, unha conferencia inaugural e catro xornadas cuxa asistencia certificará, segundo as horas correspondentes, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través do CRPIH, e que requirirán inscrición previa gratuíta con prazas limitadas por orde de inscrición desde o web institucional do CRPIH www.cirp.gal, a partir do mércores 21 de marzo. A primeira delas será a conferencia inaugural a cargo de Darío Villanueva, director da RAE, na que disertará sobre o tema A voltas coa posverdade, o vindeiro luns, 19 de marzo, ás 12:30 horas.

O Ramón Piñeiro e a investigación literaria

En maio, os días 24 e 25, o CRPIH celebrará a xornada O Ramón Piñeiro e a investigación literaria (12 horas), na que investigadores do centro repasarán os proxectos e estudos literarios desenvoltos ao longo destes anos, articulada en tres bloques: A investigación na literatura medieval; a elaboración de dicionarios de literatura (especialmente o Dicionario de termos literarios elaborado polo equipo Glifo), textos históricos recuperados e edicións facsimilares e os informes anuais de literatura; e a Literatura infantil e xuvenil no CRPIH.

Creación e importancia examinadas desde ángulos distintos

O 12 de xullo terá lugar a xornada O Ramón Piñeiro: a súa creación e a súa importancia examinadas desde ángulos distintos (6 horas). Nela rememorarase o proceso de creación do centro a razón do seu nome, a relevancia da súa investigación e a súa proxección internacional. Incluirá unha conferencia sobre Ramón Piñeiro, a mesa redonda A posta en marcha e a vida do centro a través dos seus investigadores e tres mesas redondas: 25 anos do Ramón Piñeiro: unha visión desde os seus responsables políticos; 25 anos de xestión no Ramón Piñeiro vistos polo persoal de administración; e O Ramón Piñeiro visto polos bolseiros. Haberá tamén arredor desa data unha exposición das publicacións realizadas polo CRPIH nos 25 anos de historia acompañado as mostras dos legados recibidos para a súa custodia e estudo.

Os legados ao centro

O 12 de setembro celebrarase a xornada Os legados ao Ramón Piñeiro (4 horas), en homenaxe a tres figuras importantes da lingüística que fixeron doazón dos seus fondos documentais ao CRPIH: o profesor alemán Jürgen Untermann e os galegos Aníbal Otero e Elixio Rivas. Participarán Luís Alonso Girgado, Virgilio García Trabazo, Ramón Mariño e Antón Santamarina.

Investigación lingüística

O 19 de novembro, o programa pecharase coa xornada O Ramón Piñeiro e a investigación lingüística (8 horas), na que se fará unha valoración da importancia e da transcendencia dos proxectos no ámbito lingüístico levados a cabo no centro, nomeadamente: Tradutor automático español-galego (Es-Gl), Sintetizador de voz en galego (Cotovía), Base de datos informatizada de lingua galega (BILEGA), Corpus de referencia do galego actual (CORGA), Corpus documentale latinum Gallaeciae (CODOLGA), Base de datos do ALiR, o dicionario italiano, os traballos terminolóxicos e os traballos no ámbito da fraseoloxía. A conferencia de clausura da xornada e do 25º aniversario correrá a cargo de Guillermo Rojo, tesoureiro da RAE.

O Centro Ramón Piñeiro

O CRPIH é un organismo dependente da Secretaría Xeral de Política Lingüística que se ocupa de levar adiante e de difundir proxectos de investigación lingüística, literaria, histórica e antropolóxica centrados en Galicia. Actualmente, as súas liñas de traballo xiran arredor da lingüística aplicada, a literatura medieval, a recuperación de publicacións literarias ou a identidade colectiva desde un punto de vista antropolóxico.

Menús News node R