O XI Proxecto Didáctico Antonio Fraguas porá en valor o patrimonio galego desde o ensino

O secretario xeral de Política Lingüística e o presidente da Fundación Antonio Fraguas presentaron hoxe en rolda de prensa a iniciativa, que busca favorecer o achegamento dos escolares á etnografía, antropoloxía, xeografía, historia e arte galegas

Os centros de ensino primario e secundario terán aberta a súa participación ata o vindeiro 31 de maio

Lun, 05/03/2018 - 15:54
O XI Proxecto Didáctico Antonio Fraguas porá en valor o patrimonio galego desde o ensino

A XI edición do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas Fraguas porá en valor o patrimonio lingüístico e cultural galegos desde o ensino e valorará especialmente aquelas iniciativas que fomenten a educación en igualdade do alumnado. Así o anunciaron hoxe ao mediodía en rolda de prensa o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o presidente da Fundación Antonio Fraguas Fraguas, Justo Beramendi, na rolda de prensa na que deron a coñecer os detalles da nova convocatoria desta iniciativa coa que as dúas entidades buscan favorecer o achegamento dos escolares á etnografía, á antropoloxía, á xeografía, á historia e á arte galegas.

“O proxecto pretende a posta en valor da nosa lingua en relación cos estudos de toponimia, antroponimia, léxico... en definitiva, ao adn cultural e social que reflicte e singulariza a forma de ver a vida dos galegos e galegas”, sinalou Valentín García. Participaron canda eles na presentación Francisco J. Sangiao e Clodio González, secretario e membro do padoado da fundación, respectivamente.

Investigación arredor do patrimonio material e inmaterial

O Proxecto Didáctico Antonio Fraguas Fraguas, promovido pola fundación do mesmo nome e apoiado pola Consellería de Cultura e Educación a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística no marco do Plan Proxecta, ten a finalidade de achegar o estudantado ao patrimonio lingüístico e cultural galegos.

Inclúe dúas modalidades de participación (ensino primario e secundario) dotadas con cadanseus 7000 euros destinados a materializar os proxectos gañadores durante o vindeiro curso escolar 2018-2019 en colaboración co Museo do Pobo Galego, que acollerá a exposición pública dos dous proxectos resultantes do traballo desenvolto ao longo do vindeiro ano.

O prazo de participación estará aberto ata o 31 de maio e o xurado cualificador emitirá o seu ditame antes do 22 de xuño. Na convocatoria anterior fixéronse cos galardóns o CPI de Vedra (A Coruña), co coñecido proxecto “Vedra@medra”, e mais o IES A Pinguela de Monforte de Lemos (Lugo) con “Figuras de antonte e de hoxe. Figuras para o mañá”.

Menús News node R