O xoves ábrese o prazo de admisión nos centros educativos, e as solicitudes poderán presentarse ata o 20 de marzo

Este procedemento vai dirixido a todo o alumnado que entra por primeira vez no sistema educativo, así como os de Infantil, Primaria, ESO e de Bacharelato que desexan cambiar de centro escolar sempre que haxa prazas dispoñibles

Os trámites poden realizarse vía telemática na aplicación informática creada para tal fin: https://www.edu.xunta.gal/admisionalumnado

Segundo o sorteo público efectuado hoxe, en caso de empate de puntuación para unha mesma praza, as letras de desempate son Z-T para o primeiro apelido e C-J para o segundo

Mar, 27/02/2018 - 13:16

Desde o xoves día 1 e ata o 20 de marzo permanecerá aberto o prazo de solicitude de admisión nos centros escolares para o vindeiro curso 2018/19, para todo o alumnado que entra por primeira vez no sistema educativo (maioritariamente en 4º curso de Educación Infantil), así como para aqueles/as alumnos/as de Educación Infantil, de Educación Primaria de ESO e de Bacharelato que desexan cambiar de centro escolar sempre que haxa prazas dispoñibles.

O calendario do procedemento de admisión e matrícula está establecido na Orde de 12 de marzo de 2013, que pode consultarse no enderezo web https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2013/20130315/AnuncioG0164-120313-0006_gl.html.

Tal como queda reflectido na dita Orde, a solicitude de admisión poderase presentar ata o 20 de marzo. Para tal fin, a Consellería implantou unha nova ferramenta informática -que xa funciona desde o curso pasado- para xestionar o procedemento de admisión e a través da cal os proxenitores, se así o desexan, poderán cumprimentar e presentar as solicitudes de escolarización. Deste xeito, garántese o dereito da cidadanía ao acceso electrónico aos servizos públicos, mantendo tamén a posibilidade de presentar esta solicitude de forma presencial.

A aplicación ‘admisionalumnado’ (https://www.edu.xunta.es/admisionalumnado ) posibilita que as familias cubran a solicitude na aplicación, marquen os criterios do baremo que, chegado o caso, queiran que se lles valoren, e poidan presentala de forma presencial no centro, ou por vía electrónica a través da propia aplicación.

Ademais, as familias poderán consultar o estado de tramitación da solicitude nas distintas fases do procedemento utilizando o código que xera a aplicación ao cumprimentar a solicitude, xunto co DNI do/a proxenitor/a asinante.

Letra de desempate

Tal como quedou establecido no sorteo público que tivo lugar hoxe na Consellería, en caso de empate de puntos para unha mesma praza, as letras de prioridade establecidas neste sorteo foron Z-T para o primeiro apelido e C-J para o segundo.