Aberto o prazo para optar aos Premios extraordinarios de Formación Profesional de grao superior

Educación convoca cada ano estes galardóns, que teñen como obxectivo recoñecer os méritos excepcionais baseados no esforzo e no traballo do alumnado que cursou cun excelente resultado académico estudos de FP de grao superior en Galicia

Xov, 15/02/2018 - 10:10

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de convocar os Premios extraordinarios de Formación Profesional de grao superior correspondentes ao curso 2016/17.

Tal como publica hoxe o Diario Oficial de Galicia ( dispoñible no enlace https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180215/AnuncioG0164-080218-0005_gl.html), o prazo de presentación de solicitudes para optar a ditos galardóns estará aberto desde mañá ata o día 15 de marzo. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica (https.//sede.xunta.gal), aínda que tamén se poderá realizar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros legalmente establecidos para tal fin.

En total  convócanse ata 23 premios extraordinarios, un por cada familia de formación profesional de grao superior implantada en Galicia; e poderán optar a ditos premios aqueles estudantes que teñan cursado estudos de FP de grao superior no curso 2016/17 nalgún centro educativo da comunidade autónoma (ben modalidade presencial u modalidade a distancia) e telos rematado no ano 2017; así como ter obtido unha cualificación final do ciclo formativo igual ou superior a 8,5 puntos; entre outros.

O obxectivo destes galardóns é recoñecer publicamente os méritos excepcionais baseados no esforzo e no traballo do alumnado que cursou cun excelente resultado académico estudos de formación profesional de grao superior en Galicia e enmárcanse dentro das diferentes accións que leva a cabo a Consellería para a posta en valor e fomento da excelencia dentro do sistema educativo galego.

A dotación orzamentaria para estes premios é de 19.550 euros que se distribuirán entre os galardoados na mesma contía, de 850 € por alumno. Ademais da correspondente dotación económica, a obtención destes premios dálle dereito ao alumnado a concorrer, logo de inscrición, ao correspondente premio nacional de formación profesional de grao superior