As bibliotecas escolares galegas destacan nas estatisticas estatais

O director xeral de Centros e Recursos Humanos deu conta hoxe no Parlamento de Galicia da estratexia de impulso destes espazos que se está a desenvolver ao abeiro do Plan LÍA

Xov, 08/02/2018 - 11:11

O director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, José Manuel Pinal; deu conta hoxe na Comisión 4º do Parlamento de Galicia da estratexia que se está a desenvolver desde o Goberno galego para o impulso das bibliotecas escolares a través do Plan LÍA  (Lectura, Información e Aprendizaxe) 2016/2020 de Bibliotecas Escolares, a folla de ruta da que se dotou a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para continuar o seu traballo a prol das bibliotecas escolares e o fomento da lectura nos vindeiros anos.

O éxito das medidas postas en marcha a través xa da anterior fase do Plan (en funcionamento no período 2010/2015) queda reflectido, tal e como indicou o director xeral, na estatística sobre bibliotecas escolares que publicou o Ministerio de Cultura, Educación y Deporte no curso 2015/2016, que mostra resultados para Galicia superiores á media na meirande parte dos ítems. Deste xeito, Galicia destaca na porcentaxe de centros públicos que utilizan a súa biblioteca para o tratamento da información e a competencia dixital (o 65,5%), que ofertan formación específica para as persoas  usuarias (fano oito de cada dez centros públicos) , programan encontros literarios (o 80,7% dos centros), involucran directamente ás familias nas súas actividades, ou deseñan accións especificas de atención á diversidade, entre outras.

Centro creativo de aprendizaxes

Esta segunda fase do Plan ten como un dos seus obxectivos o de seguir dotando aos centros educativos de bibliotecas escolares útiles, estables, sustentables e acordes ás necesidades do século XXI, con diferentes liñas de acción e medidas concretas. A este respecto o director xeral incidiu en actuacións como o Programa de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE), no que participan este curso 2017/18 un total de 646 centros  non universitarios sostidos con fondos públicos; un programa que no ano pasado tivo un investimento de 1.342.000 euros.

Dentro dos participantes no PLAMBE, seleccionáronse 12 centros con traxectoria de excelencia e, preferentemente, de concellos rurais, co obxectivo de que exploren as posibilidades de evolución do modelo de biblioteca escolar cara un centro creativo de aprendizaxes -aberto a toda a comunidade educativa mediante a introdución de novos espazos no modelo actual e dotando de novas funcionalidades os xa existentes-, cos que a Consellería se colabora con orientación, pautas e seguimento do traballo realizado, difundindo as boas prácticas.   

Bibliotecas inclusivas e solidarias

Outra das liñas prioritarias sinaladas polo director xeral foi a de facer das bibliotecas un espazo para a inclusión. Para iso, estanse a desenvolver varias actuacións coas que se pretende apoiar o desenvolvemento das bibliotecas escolares de centros públicos de educación especial ou  ordinarios que contan con unidades de educación especial, coa finalidade de que estas bibliotecas conten cos recursos necesarios para a atención do alumnado e ofrezan a todos oportunidades adaptadas pero enriquecedoras, para a adquisición e o reforzo de habilidades e competencias clave.

Entre elas, salientou un programa específico dirixido a 53 centros de educación especial con asignación extraordinaria para mellorar os recursos da súa biblioteca. De forma paralela, o profesorado recibe formación sobre a lectura adaptada, lectura fácil e outras posibilidades de aproveitamento dos recursos dunha biblioteca inclusiva.

Así mesmo, o director xeral explicou que tamén se está afondando no papel das bibliotecas escolares en prol da equidade, a igualdade de oportunidades e as actitudes solidarias. Neste sentido, o programa Bibliotecas Escolares Solidarias – realizado en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado- agrupa varias iniciativas de voluntariado cultural relacionado coas bibliotecas e a lectura como a concesión do selo Biblioteca Escolar Solidaria, o recoñecemento de horas de voluntariado a alumnado de secundaria (Voluntariado na biblioteca escolar) ou o impulso ao voluntariado cultural ente alumnado de 5º e 6º de primaria que colabora na xestión e na dinamización da biblioteca escolar e noutra actividades relacionadas coa lectura compartida, dentro e fóra do centro (Voluntariado de lectura –A).

Outras iniciativas

José Manuel Pinal fixo un repaso por outros programas e liñas de actuación incluídos no Plan LÍA como os Clubs de Lectura,  o Concurso de Traballos por Proxectos, Radio na Biblio, Proxecto E-LBE ou os Escornabots; que son “observados con interese por outras comunidades autónomas e por especialistas do ámbito da lectura, das bibliotecas e da educación, como un exemplo de actuación nestas materias”.

No referido ao futuro máis inmediato, explicou que a segunda fase do Plan LÍA busca avanzar na consecución dunha biblioteca inclusiva, conseguir melloras significativas na comprensión, utilización e avaliación crítica de diferentes forma de información, facilitar ao profesorado recursos, servizos e oportunidades para renovar prácticas educativas, incorporación de metodoloxías activas e integración de metodoloxías emerxentes e, en definitiva, apoiar a adquisición de competencias clave do alumnado e contribuír a un maior logro académico, mellores resultados e actitudes de aprendizaxe e contribuír á construción dunha sociedade lectora. “A biblioteca escolar é unha oportunidade para exercitar as competencias intelectuais e emocionais, para convivir e construír cidadanía”, dixo o director xeral.