Educación incrementa en máis do 60% o orzamento destinado ás bolsas por causas sobrevidas para universitarios

O Diario Oficial de Galicia acaba de publicar a convocatoria destas axudas, que teñen por obxectivo cubrir as necesidades do alumnado que perde o sustento fundamental para continuar os seus estudos

Auméntase o umbral de renda para que se podan beneficiar máis estudantes

Atenderanse o cento por cento das solicitudes que cumpran cos requisitos establecidos

Mar, 06/02/2018 - 09:45

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180206/AnuncioG0164-121217-0003_gl.html

a convocatoria de axudas dirixidas a estudantes universitarios que se vexan afectados por causas sobrevidas e imprevistas, co fin de que poidan continuar os seus estudos no Sistema universitario de Galicia no presente curso académico 2017/8. En total o departamento educativo da Xunta de Galicia destina a cantidade inicial de 162.500 euros, un 62,5% máis que o ano pasado, que podería ser incrementado en función das solicitudes recibidas que cumpran os requisitos.

Unha das novidades da convocatoria é o incremento do limiar de renda para poder ser adxudicatario da axuda. Isto posibilitará que a consellería poda atender a un maior número de futuros beneficiarios.

O obxectivo destas bolsas é cubrir a necesidade urxente de recursos económicos para paliar a situación de emerxencia derivada de causas tales como orfandade absoluta; situación de desemprego, falecemento, enfermidade grave, recoñecemento de incapacidade permanente absoluta para todo traballo dalgún dos sustentadores principais da unidade familiar; vítimas de violencia de xénero; e outras circunstancias que, debidamente acreditadas, repercutan na situación socioeconómica familiar. Deste xeito, a Consellería reafirma o seu compromiso con garantir o acceso en igualdade de oportunidades aos estudos superiores.

Prazos de presentación

Dado que a circunstancia sobrevida pode acontecer en calquera momento do curso, a convocatoria permanecerá aberta ata o 31 de xullo, data límite para a presentación de solicitudes. Non obstante, se aconteceu con anterioridade á publicación desta orde, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da mesma no DOG. No caso de que ocorra con posterioridade, a presentación tamén será dun mes desde o seu acontecemento.

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica (https://sede.xunta.es), aínda que tamén se poderán realizar en soporte papel en calquera dos rexistros establecidos. Tamén se poñe a disposición dos interesados un servizo para a resolución de dúbidas a través do enderezo electrónico orientacion.sug@edu.xunta.es .

Para acceder a estas axudas a situación sobrevida ou imprevista tivo que acontecer durante o actual curso académico 2017/18 (entre o 1 de setembro de 2017 e 30 de xuño de 2018); e os solicitantes -que non poden ter percibido esta bolsa con anterioridade- deben estar matriculados neste ano académico, como mínimo en 50 créditos, en estudos universitarios presenciais conducentes ao título de grao en calquera das universidades do Sistema universitario de Galicia. Non obstante, establécese un mínimo de 30 créditos no caso dos alumnos aos que lles reste un número de créditos inferior a 50 para rematar os seus estudos. Ademais, a renda per cápita da unidade familiar non poderá ser superior ao importe anual da pensión non contributiva individual que estableza a lei de orzamentos xerais do estado para o ano 2018 multiplicada por 1,50.

Desde o curso 2011-2012, o orzamento total destinado a tal fin foi de case 600.000  euros e o número de beneficiarios ascendeu a 196 estudantes, o cen por cen dos solicitantes destas becas que cumprían cos requisitos estipulados.