Case 900 docentes de 43 centros educativos participan este curso nos plans de autoavaliación e mellora da calidade impulsados pola Consellería de Educación

A convocatoria para o 2011/2012 será publicada no Diario Oficial de Galicia nos próximos días

Dom, 24/04/2011 - 11:53
CPI Tino Grandío

A mellora da calidade do ensino que se imparte nos centros educativos de Galicia é unha das prioridades da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Unha estratexia que está a impulsar a través da convocatoria de plans de autoavaliación e mellora da calidade da educación, nos que no presente curso participan case 900 docentes de 43 centros educativos. A convocatoria para o 2011/2012 será publicada no Diario Oficial de Galicia nos próximos días.

O obxectivo é contribuír a que colexios e institutos incorporen progresivamente unha cultura de autoavaliación e mellora continua na súa organización e nos seus planeamentos pedagóxicos, a través do establecemento de proxectos propios xestionados de maneira autónoma por cada centro.

Avaliación interna

Para por en marcha estes plans os centros identifican primeiro, a través dunha avaliación interna, as áreas de traballo relativas ao desenvolvemento das competencias básicas do alumnado, nomeadamente as competencias en comunicación lingüística, matemática, social e cidadá, cultura e artística, en autonomía e iniciativa persoal, aprender a aprender, no coñecemento e a interacción co mundo físico, e no tratamento da información e competencia dixital.

Tras esta análise cada centro proporá a posta en marcha dun plan de mellora das devanditas competencias contextualizado á realidade observada, que será coordinado por un profesor encargado de dinamizar e impulsar estas accións, servir de interlocutor coa administración educativa e redactar a memoria final do proxecto.

A Consellería de educación contribúe ao desenvolvemento dos plans con achegas de ata 4.000 euros para cada centro, que conta ademais co asesoramento dos centros de formación e recursos e da inspección educativa.

Cada colexio e instituto recibe un certificado de ter participado no proxecto. Ademais, a efectos de recoñecemento, os plans de autoavaliación considéranse programas de innovación educativa.

Cómpre resaltar o grao de satisfacción dos centros participantes. De feito un dato que o corrobora é que arredor  dun 70% dos centros participantes solicitan permanecer nesta iniciativa para o curso seguinte.