Román Rodríguez solicita ao Ministerio a creación de novas titulacións de FP sobre a transformación da madeira

O conselleiro de Educación explica que se trata dunha formación moi demandada polo sector en Galicia, que axudaría a mellorar a inserción laboral da mocidade e, ademais, tería aplicación inmediata no sistema educativo a través da FP Dual

Tamén pide lograr unha uniformación de criterios en torno á modalidade Dual para avanzar como país neste ámbito

Mér, 20/12/2017 - 19:58
Román Rodríguez solicita ao Ministerio a creación de novas titulacións de FP sobre a transformación da madeira

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, solicitou esta tarde ao Ministerio do ramo a creación de novas titulacións de Formación Profesional no ámbito de transformación da madeira, co fin de dar resposta ás necesidades dun sector cada vez máis industrializado. Así o expuxo con motivo da Conferencia Sectorial celebrada na sede do Ministerio, onde explicou os valores estratéxicos do sector da madeira e do moble en Galicia.

Neste sentido, o titular do departamento educativo remarcou que esta petición conta co respaldo do sector, sobre todo dos subsectores de primeira transformación da industria madeireira, que nos últimos tempos veñen demandando persoal cualificado específico para a súa actividade. Deste xeito, as novas titulacións axudarían a mellorar a inserción laboral dos mozos e mozas.

Cómpre lembrar que o sistema educativo galego oferta a familia profesional de Madeira, moble e cortiza, cos ciclos de Grao básico de Carpintería e moble; Grao medio de Carpintería e moble; Grao medio de Instalación e amoblamento; e Grao superior de Deseño e amoblamento. Así mesmo, tamén está en marcha, na modalidade Dual, un ciclo de Grao medio de Aproveitamento e conservación do medio natural.

Aplicación inmediata nun sector estratéxico

Por tanto, as novas titulacións, para as que existen cualificacións profesionais, axudarían a darlle continuidade a esta formación xa establecida. O conselleiro lembrou que o posible ou posibles ciclos formativos terían unha aplicación inmediata no sistema educativo galego a través da FP Dual. De feito, e de lograr a autorización do Ministerio, a Consellería xa abriría a oferta de cara ao curso que vén 2018/19.

Román Rodríguez fixo fincapé na potencialidade dun sector, o da madeira e o moble, que congrega 3.000 empresas en Galicia e preto de 80.000 traballadores. Así mesmo, recordou que o 50% da madeira cortada en España é galega, o que xera unha facturación próxima aos 2.000 millóns de euros. 

Impulso á FP Dual

Por outro lado, o conselleiro tamén aproveitou a reunión para solicitar a uniformación de criterios do que se entende por FP Dual para todo o Estado, aínda que mantendo marxe de adaptación ás comunidades autónomas. Tal e como manifestou, “dotarnos dunha filosofía clara e compartida por todos axudaríanos a conseguir maior implicación do empresariado –tanto no formativo como no aspecto económico–, a mellorar a empregabilidade dos mozos e a avanzar como país neste ámbito”, salientou.