Román Rodríguez pon en valor o Plan Proxecta como catalizador da educación en valores

O conselleiro de Educación lembrou todas as accións incluídas neste programa xeral que fomentan hábitos de vida saudables con motivo do I Congreso de Educación Física, Neuromotricidad y Aprendizaje, organizado polo Ministerio

A iniciativa máis demandada dentro do Plan é, precisamente, o ‘Proxecto deportivo de centro-Centros activos e saudables’, con 229 adheridos

Lun, 11/12/2017 - 19:17
Román Rodríguez pon en valor o Plan Proxecta como catalizador da educación en valores

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, vén de poñer en valor o Plan Proxecta como un “plan de planes” que busca impulsar a educación en valores nos centros educativos, entendéndoa como unha formación transversal e necesaria para completar os coñecementos académicos. Así o manifestou o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia unha mesa redonda celebrada esta tarde dentro do I Congreso de Educación Física, Neuromotricidad y Aprendizaje, organizado en Guadalajara (Castela-A Mancha) polo Ministerio de Educación, Cultura y Deporte. Román Rodríguez aproveitou este foro para explicar o Plan Proxecta ante os responsables educativos de Castela-A Mancha, Castela e León, e Murcia, así como ante o director xeral da FAD (Fundación de Ayuda contra la Drogradicción), Ignacio Calderón.

Segundo asegurou, “os centros educativos non poden ser solo espazos reservados para a adquisición de coñecementos e competencias; deber ir máis alá, e sen dúbida estano facendo, e ofrecer aos seus alumnos formación en alto tan intanxible e tan necesario como son os valores de respecto, tolerancia, coidado con medio ambiente, etc.”

O conselleiro centrou a súa explicación nos catro programas incluídos dentro do Proxecta que promoven hábitos de vida saudables: ‘Proxecto deportivo de centro-Centros activos e saudables’, ‘Aliméntate ben’, ‘Clases sen fume’ e ‘Apuntámonos a non beber’. Precisamente, o primeiro deles, que se desenvolve en colaboración coa Secretaría Xeral para o Deporte e coa Fundación Deporte Galego, é o programa máis demandado dentro do Proxecta, pois este curso hai 229 centros, 44 máis con respecto ao ano pasado.

Así mesmo, cómpre lembrar que esta iniciativa, que conleva o desenvolvemento dun proxecto deportivo de centro, tamén inclúe, de xeito opcional, a oportunidade de que estes centros se adhiran á plataforma DAFIS (Datos de actividade física saudable), co fin de valorar a condición física do alumando. 

Materia de libre configuración autonómica

A maiores do Plan Proxecta, a Consellería tamén traballa na promoción do exercicio físico e da alimentación saudable entre o alumnado galego a través dunha materia de libre configuración autonómica, que se comezou a ofertar no curso 2015/16. Baixo o nome de ‘Promoción de estilos de vida saudables’, esta materia ten acadado un enorme éxito de matriculación ao longo destes tres anos, tras pasar de 65 centros e 1700 alumnos no 2015/16 a máis de 140 centros e case 5.000 alumnos no actual.

En definitiva, o conselleiro destacou que os datos das diferentes accións neste ámbito que o seu departamento ofrece aos centros educativos demostran que “é necesaria esta formación, e que os nosos alumnos están realmente concienciados e comprometidos coa súa saúde e o seu benestar físico”, concluíu.