Cultura e Educación convoca os premios a curtas de animación en galego ‘Nós tamén creamos!’

Trátase da sétima edición deste certame organizado pola Consellería coa colaboración da CRTVG e de OQOeditora

O premio está dirixido a alumnado e profesorado de infantil e primeiro a cuarto de primaria

O prazo de presentación de solicitudes de participación remata o 12 de xaneiro e o de presentación de orixinais o 30 de abril de 2018

Lun, 04/12/2017 - 17:15
Cultura e Educación convoca os premios a curtas de animación en galego ‘Nós tamén creamos!’

A Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, coa colaboración da Corporación Radio e Televisión de Galicia e de OQOeditora, publicou nos portais Educativo e da Lingua Galega a convocatoria dos VII Premios a curtas de animación en galego Nós tamén creamos!. O prazo para solicitar a participación neste certame remata o 12 de xaneiro de 2018, en tanto que o prazo de presentación das curtas se prolonga ata o 30 de abril.

O premio está dirixido a alumnado e profesorado de infantil e primeiro a cuarto de primaria pertencente a centros de titularidade da Consellería, que deberán realizar curtas de animación en galego coa técnica stop-motion a partir dunha serie de álbums ilustrados que os colexios recibirán unha vez que sexa aceptada a súa solicitude de participación.

Premios

A convocatoria establece tres categorías para as que se convoca cadanseu premio: unha primeira destinada a curtas realizadas con alumnado do segundo ciclo de educación infantil, unha segunda para curtas elaboradas con alumnado de primeiro e de segundo de educación primaria e unha terceira destinada a curtas feitas con alumnado de terceiro e cuarto da mesma etapa educativa.

O profesorado participante nas curtas premiadas, entre o que sempre deberá haber un membro dos equipos de dinamización da lingua galega, recibirá unha certificación de Premio de Innovación Educativa para cada unha das categorías, cunha equivalencia de 30 horas de formación permanente do profesorado para a persoa coordinadora e de 20 horas para o resto do profesorado participante.

Dinamización lingüística

Os Premios Nós tamén creamos! forman parte do programa de dinamización lingüística do mesmo nome e teñen os seguintes obxectivos normalizadores: promover unha imaxe positiva da lingua galega, favorecer o seu uso e aprendizaxe en novos ámbitos e formatos e dar a coñecer as opcións de lecer en galego que lles ofrece aos cativos e cativas o web da Televisión de Galicia.