Educación selecciona 20 centros educativos para crear un laboratorio de radio na biblioteca escolar
Tiveron prioridade de participación os centros que se atopan no ámbito do rural e contan cunha biblioteca con actividade media-alta
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de resolver a convocatoria para a posta en marcha da iniciativa Radio na biblio, un proxecto piloto a través do que 20 centros educativos de educación infantil, primaria e secundaria porán en marcha nas súas respectivas bibliotecas escolares un laboratorio de radio.
Para seleccionar os centros a Consellería tivo en conta a valoración acadada pola memoria da biblioteca do pasado curso 2016/17 (polo proxecto presentado, no caso dos centros que se incorporaron ao Plambe este curso) e a localización xeográfica dos centros, dando prioridade aos que se atopan en concellos do ámbito rural.
En base a estes criterios, os centros seleccionados para esta primeira experiencia foron, na provincia da Coruña, os CEIPs Canosa-Rus (Coristanco), Milladoiro (Malpica de Bergantiños), Víctor Sáenz (Mazaricos), Plurilingüe Ricardo Tobío (Muros) e Plurilingüe Pepe de Xan Baña (Santa Comba); os CPIs Plurilingüe Cabo da Area (Laxe) e Plurilingüe de Vedra (Vedra, e o IES de Porto do Son (Porto do Son). Pola súa parte, na provincia de Lugo resultaron elixidos os CEIPs da Pobra de Brollón (A Pobra de Brollón) e Plurilingüe Virxe do Carme (Sober), e na de Ourense os CEIPs do Xurés (Lobios) e Plurilingüe de Vilar de Barrio (Vilar de Barrio). Asemade, participarán neste proxecto piloto, na provincia de Pontevedra, os CEIPs de Agolada (Agolada), Plurilingüe de Carballedo (Cerdedo-Cotobade), Plurilingüe Manuel Sieiro (Crecente), de Figueiroa (A Estrada), Valle-Inclán (O Grove) e A Lama (A Lama); o CRA de Meis (Meis) e o CPI Manuel Suárez Marquier (O Rosal).
O obxectivo deste programa é que o alumnado avance na adquisición das competencias informacionais e mediáticas, imprescindibles na sociedade actual. Así mesmo, procúrase estimular o papel das bibliotecas escolares como “centros creativos de aprendizaxes”, tal e como establece o Plan Lía 2016/20.
Asemade, búscase ampliar as linguaxes presentes na biblioteca, promover a expresión oral, a alfabetización múltiple e o traballo colaborativo da comunidade educativa. Neste sentido cómpre sinalar que a posta en marcha de iniciativas de radio en centros educativos ten demostrado ser unha boa ferramenta para xerar dinámicas de comunicación, de apoio aos proxectos do centro, dos traballos elaborados polos alumnos, etc.
Alfabetización informacional
Esta iniciativa enmárcase no desafío número catro do Plan LÍA 2016/20, referido ás alfabetizacións múltiples, con medidas destinadas á mellora das capacidades lectoras do alumnado e no desafío número cinco da mesma estratexia, vencellado ás competencias AIFIN/AMI (alfabetización informacional/alfabetización mediática e informacional). Neste sentido, o Plan contempla como medida concreta a posta en marcha dun programa de radio escolar vinculado a biblioteca para a mellora da competencia informacional e mediática dos escolares.
Ademais, o Plan recolle no seu desafío número dous diferentes medidas para promover a evolución de todas as bibliotecas escolares cara a laboratorios creativos de aprendizaxe, na medida en que estas se configuran como espazos físicos e simbólicos de oportunidade para desenvolver proxectos colaborativos conectados ao tratamento do currículo, así como para dar resposta aos intereses culturais e formativos dos membros da comunidade educativa.
Co fin de dar a coñecer esta experiencia ao conxunto da comunidade educativa galega, os materiais que se elaboren ao abeiro deste proxecto piloto poderán ser difundidos como exemplo de boas prácticas, cando así se considere, a través dos espazos web da consellería vinculados ao Plan LÍA.