Educación destina case 450.000 euros á habilitación dunha sala de usos múltiples no IES de Ames

As obras non interferirán na actividade docente do instituto

Xov, 23/11/2017 - 10:30

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de asinar o contrato para a habilitación dunha nova sala de usos múltiples no IES de Ames, unha obra á que se destinarán 448.408,38 euros. A obra, que foi adxudicada á empresa Construcciones Ramírez S.L., consistirá no peche da pista coa que conta o centro educativo para instalar este espazo na mesma.

O prazo de execución da actuación é de catro meses, pero as obras non interferirán na actividade docente, xa que están situadas nunha zona externa ao edificio principal, á que se pode facer un acceso independente e exclusivo para os traballadores.

A superficie total construída da sala ascenderá a 538,8 metros cadrados, contando co porche cuberto (de case 40 m²). O espazo central da instalación será de 366,5 m². A nova edificación realizarase con estrutura de formigón armado, con cuberta de panel sándwich de aceiro prelacado sobre forxado de formigón armado e fachadas de prefabricados do mesmo material.

O obxectivo da actuación é dotar ao complexo dunha sala polivalente e diáfana que permita completar os espazos dispoñibles no instituto. A nova instalación estará dotada de todos os usos necesarios para o seu correcto funcionamento, como aseos e almacén. Deste xeito, dáse resposta a unha demanda da comunidade educativa deste centro, nun dos concellos de Galicia que presenta maior incremento da poboación escolar.