Educación, CIUG e universidades acordan adiantar a convocatoria extraordinaria da proba de acceso á universidade ao mes de xullo

As tres partes deciden a aplicación desta medida, de tal forma que o alumnado que no vindeiro curso 2018/19 estea matriculado en 2º bacharelato xa se verá beneficiado pola mesma

Dáse así resposta a unha reivindicación das universidades nos últimos anos

Para os que realicen a proba no curso 2017/18, os exames celebraranse o 12, 13 e 14 de xuño e o 12, 13 e 14 de setembro

Mar, 21/11/2017 - 15:15
Educación, CIUG e universidades acordan adiantar a convocatoria extraordinaria da proba de acceso á universidade ao mes de xullo

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG) e as tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG) –a través dos seus delegados reitorais na CIUG- acordaron hoxe adiantar ao mes de xullo a realización da proba extraordinaria de acceso á universidade, que ata o momento se vén realizando en setembro. Cómpre sinalar que esta posibilidade xa fora proposta pola Consellería ao Consello Galego de Universidades o pasado mes de xuño.

O cambio responde a unha reivindicación que viñan facendo as universidades nos últimos anos, non en balde estas institucións xa adiantaron as súas probas extraordinarias de setembro ao mes de xullo no marco do Plan Boloña, de tal forma que as clases se inician no mes de setembro. Neste contexto, o alumnado que superaba a proba extraordinaria de acceso á universidade no mes de setembro chegaba á facultade coas clases xa comezadas. Deste xeito, racionalízase o sistema e danse máis oportunidades aos alumnos e alumnas.

Deste xeito, para o curso 2017/18 as convocatorias manteranse en xuño e setembro, concretamente os días 12, 13 e 14 de xuño e o 12,13 e 14 de setembro. O cambio aplicarase por primeira vez ao alumnado matriculado no curso 2018/19 en 2º de bacharelato,  que está previsto que conte con unha convocatoria ordinaria de proba de acceso á universidade no mes de xuño e con outra extraordinaria no mes de xullo de 2019.

En todo caso, cómpre sinalar que esta medida afecta a arredor dun 10% do alumnado, que é o que se presenta á convocatoria. En concreto, do total dos presentados á ABAU neste ano 2017 só o 12,2% fíxoo en setembro, o que representa aproximadamente o 9% dos estudantes que superaron a proba. Se se analiza o número de estudantes que ingresaron no SUG no curso 2016/17, o 7,1% fíxoo a través da proba de setembro.

Como é lóxico, a Consellería traballará para adaptar o calendario da proba extraordinaria para o alumnado de 2º de Bacharelato ás datas previstas para a realización da proba de acceso; de tal forma que se acomoden perfectamente os calendarios do ensino non universitario e universitario. Deste xeito, o adianto a xullo da convocatoria extraordinaria das probas de acceso permitirá ao alumnado ter continuidade no estudo no último curso de bacharelato.

Así mesmo, as universidades pasarán de ter oito prazos de matrícula para o ingreso de alumnos a seis. Ademais, traballarase para que as tres universidades do SUG – xa no curso 2018/19- comecen as clases na mesma data, que se fixará na segunda semana do mes de setembro.

Outras CCAA

Con este adianto da proba extraordinaria Galicia sitúase á par de outras Comunidades Autónomas como Castela e León e Madrid, que teñen previsto mudar as datas deste exame este mesmo curso. Así mesmo, as de Asturias, Comunidade Valenciana, Extremadura, Illas Canarias, A Rioxa, Navarra e País Vasco xa tomaron esta decisión en anos académicos anteriores.